Jorquera chama ao voto ao BNG como o sufraxio insubmiso aos recortes

O candidato do BNG enfatizou no mitin en Ourense na necesidade de priorizar o gasto público en políticas sociais
Mitin do BNG en Ourense
photo_camera Mitin do BNG en Ourense

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou no mitin desta cuarta en Ourense que o voto ao BNG é un sufraxio pola "insubmisión" fronte aos recortes e políticas antisociais e unha aposta por "priorizar o gasto público" centrado en políticas sociais no camiño de "atender as necesidades" da xente.

Jorquera reiterou que Galiza non se pode permitir manter un novo goberno de Feijóo. O candidato nacionalista sinalou que Feijóo se gaba de ser pioneiro nas "mal chamadas políticas de austeridade" que non veñen sendo máis que amparar vagas de "recortes tras recortes" que levan a Galiza "á ruina".

Para Jorquera, votar ao PP e dar "un cheque en branco" a Mariano Rajoy e lexitimar políticas e actuacións dirixidas contra as maiorías sociais, "afogando a traballadores, pensionistas, pequenos e medianos empresarios, comerciantes, mocidades ou empregados públicos".

Recursos de inconstitucionalidade

O candidato do BNG comprometeuse a que a formación nacionalista presentará recursos de inconstitucionalidade ante aqueles decretos que invadan competencias para obrigar a novos recortes, “porque con vontade política é posíbel, como acaban de demostrar os nosos alcaldes nos concellos co pagamento da extra de Nadal aos traballadores”.

Jorquera reiterou que o PP emprega a crise como coartada para impoñer o seu modelo, “por iso Galiza precisa un cambio e ese cambio é posíbel, vai depender dun puñado de votos; se ti non vas, eles gañan, se apoias o BNG gañará Galiza porque nós queremos este País e temos un proxecto para sacalo adiante”

Comentarios