Jorquera chama a apostar pola soberanía para Galiza dando máis forza ao BNG

O candidato do BNG saudou o éxito da Diada catalá e acusa a Feijóo de “entregar o país”. Esquerra propón convocar unha consulta sobre a independencia de Catalunya.

O grande éxito da Diada Nacional de Catalunya, cunha mobilización masiva a favor da independencia, provocou bo número de reaccións. Na Galiza, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, saudou o grande éxito da manifestación do Onze de Setembre. Jorquera aposta por unha Galiza que avance cara á plena soberanía nacional --como Euskadi e Catalunya-- fronte ao proceso de recentralización españolista que está a promover o goberno de Rajoy coa complicidade de Feijóo.

O candidato do Bloque acusa a Feijóo de “entregar o país a mans foráneas para que dirixan as políticas”. Como exemplos apuntou a nula defensa dos intereses galegos por parte da Xunta en temas como a situación do sector naval, a pesca en Mauritania, Alcoa ou o feito de que o prezo do leite galego siga a ser o peor pagado do estado.

O BNG sostén que nas eleccións do 21 de outubro está en xogo “o futuro de Galiza como nación”. O PP “pasa de Galiza” aseguran. Por iso defenden, como sinalou Jorquera, que é “hora de reforzar e ampliar o autogoberno co obxectivo de adoptar políticas para unha saída xusta á crise”. Para iso, na súa opinión, “só hai unha ferramenta: dar máis forza ao BNG”

Esquerra propón convocar unha consulta sobre a independencia

O presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, Oriol Junqueras, nunha comparecencia para valorar a Diada, propuxo que o Parlamento catalán convoque un referendo en que se lle pregunte ao pobo “se quere vivir nun país libre, nunha república catalá no marco da UE”. En ERC fican convencid@s de que a resposta maioritaria sería afirmativa.

Comentarios