Jorquera a ‘Feijoy’: “O que está en perigo é Galiza se segue sometida ás políticas do PP, non a unidade do Estado español”

O candidato nacionalista retrucou desde Cangas ao presidente do goberno español quen advertira que a derrota do PP o 21-O suporía "poñer en risco a unidade de España". Jorquera demandou máis autogoberno para "rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid" e volveu reclamar a Feijóo que faga públicos os "contratos pantasma" con Pemex.
Vista do mitin do BNG en Cangas
photo_camera Vista do mitin do BNG en Cangas


As declaracións de Mariano Rajoy en que afirmaba que unha derrota do Partido Popular o vindeiro 21-O suporía “poñer en risco a unidade de España”, foron contestadas hoxe por Francisco Jorquera. No mitin que o BNG realizou en Cangas, o candidato do BNG retrucou ao “tándem Rajoy-Feijóo” que “o que está en perigo non é a unidade do Estado español senón Galiza de continuar sometida ás políticas do PP”.

Jorquera demandou máis autogoberno para "rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid”

Diante dun auditorio ateigado, Jorquera asegurou que o 21-O o electorado enfronta unha oportunidade dobre: “frear a Feijóo e evitar que Rajoy teña un aval para continuar cos recortes”. A necesidade de autogoberno foi outro dos aspectos abordados na intervención do cabeza de lista do BNG. En resposta á afirmación de Núñez Feijóo de que á sociedade galega “non lle interese máis autonomía” o nacionalista instouno a “preguntarlle ao pobo galego se lle parece ben que en Bruxelas digan que non podemos pescar nin construír barcos”. O candidato do Bloque defendeu a necesidade de maior autogoberno fronte ao proceso de recentralización do estado, para “rachar coas políticas antisociais ditadas desde Madrid”.

Carlos Aymerich advertiu que as políticas do PP “van directamente ás carteiras das persoas”, facendo referencia ao impacto dos recortes nos servizos públicos e na rebaixa de salarios e a eliminación da paga extra d@s empregad@s públicos.

Insisten en que Feijóo faga públicos os contratos de PEMEX

Máis unha vez Pemex volveu colarse na campaña. Despois de que directivos da empresa mexicana engadisen novas dúbidas a respecto de se finalmente os estaleiros galegos fabricarán os dous floteis anunciados, Jorquera reiterou a exixencia de que Feijóo revele o contido dos denominados “contratos pantasma”. Asemade, no BNG apuntaron que se o presidente da Xunta non fai públicos os contratos estaría “ocultando algo” e advertiron que “Galiza non pode permitirse un presidente que minta”.

Comentarios