Incineración cero, ampliación da Rede Natura e Lei antitouradas serán os eixos da política ambiental do BNG

Jorquera reuniuse con representantes de todas as organizacións ecoloxistas que promoveron o denominado “Programa pola terra”. O candidato nacionalista contrapuxo as propostas da fronte nacionalista á política do PP “que, se tiver que escoller entre ambiente ou negocio, escolle negocio”.
Encontro do BNG coas organizacións ecoloxistas
photo_camera Encontro do BNG coas organizacións ecoloxistas

O BNG presentou esta sexta feira as súas propostas en relación á cuestión ambiental, nas que @s nacionalistas fan unha aposta decidida polo desenvolvemento sustentábel, modelo que cren perfectamente posíbel se existir vontade política.

Entre as propostas recollidas no programa electoral do BNG atopase unha viravolta á xestión dos resíduos, a través dun novo Plan galego, que priorice a reutilización e a reciclaxe coa “incineración cero” como horizonte. A ampliación da Rede Natura, o saneamento integral e a xestión das augas, prohibir por Lei a realización de touradas en Galiza, o traslado de Ence fóra da Ría de Pontevedra ou a declaración de Monte Pindo como parque natural, foron outras das medidas apuntadas pol@s nacionalistas.

Encontro con organizacións ecoloxistas

Jorquera debullou o programa do Bloque neste eido após manter unha xuntanza con integrantes de ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e a Sociedade Galega de Historia Natural, organizacións ecoloxistas que impulsaron hai uns días o denominado “Programa pola terra” en que recollían as reivindicacións do ambientalismo de cara ao 21-O.

Neste sentido, Francisco Jorquera puxo de relevo a coincidencia nas propostas e os obxectivos entre as principais organizacións do ecoloxismo galego e o BNG, asegurando que demandan “gobernarmos nós o noso propio territorio”. A concordancia púxose de manifesto ao sinalar o candidato nacionalista que a conciliación entre modernización, o desenvolvemento económico e o respecto polo medio non é só necesaria senón “imprescindíbel para un crecemento sustentábel”, engadindo que as políticas ambientais promoven a saúde.

Comentarios