O BNG presentou esta sexta feira as súas propostas en relación á cuestión ambiental, nas que @s nacionalistas fan unha aposta decidida polo desenvolvemento sustentábel, modelo que cren perfectamente posíbel se existir vontade política.
Entre as propostas recollidas no programa electoral do BNG atopase unha viravolta á xestión dos resíduos, a través dun novo Plan galego, que priorice a reutilización e a reciclaxe coa “incineración cero” como horizonte. A ampliación da Rede Natura, o saneamento integral e a xestión das augas, prohibir por Lei a realización de touradas en Galiza, o traslado de Ence fóra da Ría de Pontevedra ou a declaración de Monte Pindo como parque natural, foron outras das medidas apuntadas pol@s nacionalistas.
Encontro con organizacións ecoloxistas
Jorquera debullou o programa do Bloque neste eido após manter unha xuntanza con integrantes de ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e a Sociedade Galega de Historia Natural, organizacións ecoloxistas que impulsaron hai uns días o denominado “Programa pola terra” en que recollían as reivindicacións do ambientalismo de cara ao 21-O.
Neste sentido, Francisco Jorquera puxo de relevo a coincidencia nas propostas e os obxectivos entre as principais organizacións do ecoloxismo galego e o BNG, asegurando que demandan “gobernarmos nós o noso propio territorio”. A concordancia púxose de manifesto ao sinalar o candidato nacionalista que a conciliación entre modernización, o desenvolvemento económico e o respecto polo medio non é só necesaria senón “imprescindíbel para un crecemento sustentábel”, engadindo que as políticas ambientais promoven a saúde.