Haberá debates electorais

Serán o 8, 9 e 10 de outubro, a dúas bandas entre Feijóo, Jorquera e Pachi Vázquez. Durarán 60 minutos e estruturaranse en tres bloques temáticos: economía e emprego, benestar e autogoberno.

Despois de dúas xuntanzas sen consenso, as direccións de campaña de PP, BNG e PSOE chegaron a un acordo na reunión desta mañá. Haberá debates electorais. Concretamente tres, a dúas bandas, nos que se cruzarán os tres aspirantes á Presidencia da Xunta de Galiza.

O luns 8 de outubro terá lugar o primeiro, entre Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez. O día seguinte será a quenda para o debate entre Vázquez e Francisco Jorquera. O día 10 celebrarase o terceiro e derradeiro, no que se medirán Feijóo e Jorquera.

Os debates que se celebrarán na televisión de Galiza terán unha duración de 60 minutos. O tempo distribuirase en tres bloques temáticos, economía e emprego, benestar e autogoberno. Ao inicio cada candidato terá dous minutos para unha intervención de apertura e ao remate contarán cun minuto para formular cadansúa conclusión.

Sen debates desde 1993
Transcorreron case 20 anos desde que se tivo lugar o primeiro e derradeiro debate electoral na historia da autonomía. Foi en 1993 entre Manuel Fraga e o socialista Antolín Sánchez Presedo. O BNG anunciou esta semana o propósito de obrigar por lei a que se celebren.

Comentarios