Haberá debate(s) de aquí ao 21-O?

As direccións de campaña do BNG, PP e PSdeG manterán unha reunión este martes para abordar a realización de debates electorais cara os comicios autonómicos.

Haberá debate entre os candidatos á Presidencia da Xunta estas eleccións? A incógnita podería comezar a resolverse este martes. Ese día terá lugar, segundo revelou o director de campaña do Partido Popular --o inda conselleiro de Presidencia Alfonso Rueda--, unha xuntanza a tres co BNG e o PSdeG. Será a primeira reunión na que abordarán a realización de debates. O encontro terá lugar na sede da CRTVG, medio que acollería os debates como propuxo o BNG.

Alfonso Rueda afirmou que acudirá a cita sen “apriorismos” malia que desde o PP xa manifestaron semanas atrás, por boca do propio Feijóo, as súas reticencias a un debate a tres bandas e a súa aposta por tres debates a dous, nos que se cruzarían os tres candidatos. O PSdeG afirmou estar en disposición de aceptar esa fórmula, rexeitada nos comicios de 2009 polo daquela Presidente Touriño.

Pola súa banda o BNG reclamou máis unha vez a realización dos debates. A directora de campaña da fronte nacionalista, Montse Prado, remitiu hai dúas semanas unha carta aos seus homólogos no PP e no PSdeG, no que propuña debatiren conxuntamente e os instaba a manter un encontro, que finalmente terá lugar o martes. Na misiva, Prado lles manifestaba a disposición de estudar calquera fórmula e que non porán condicións previas.

Sería o segundo debate na historia da autonomía
A primeira, e derradeira, vez que se celebrou un debate entre candidatos á presidencia foi en 1993. Nesa ocasión, medíronse cara a cara Manuel Fraga e o candidato socialista Antolín Sánchez Presedo. Daquel debate ficara excluído o BNG. De celebrarse debates nestes comicios do 21-O, será a segunda ocasión na que teñan lugar na historia da autonomía, logo de que o PP rexeitase os mesmos en anteriores convocatorias.

Comentarios