Haberá debate, mais non todas as forzas estarán nel

O director da campaña electoral do PP, Alfonso Rueda, confirmoulle esta segunda a Pachi Vázquez a vontade de participar nun debate electoral. Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, retou a Feijóo a debater "sen escusas".
photo_camera Feijóo oponse a un debate a tres bandas

O aínda presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, reiterou a súa postura a respecto dun posíbel debate electoral entre candidaturas cos mesmos argumentos que empregou en 2009. Feijóo oponse a un debate a tres bandas, tampouco está disposto a debater coas demais forzas políticas que posibelmente concorrerán nas vindeiras eleccións nacionais galegas. Segundo o PP a súa intención é a de debater "cos candidatos das forzas políticas con representación parlamentar".

A reprodución do bipartidismo

Os candidatos socialista e popular iniciarán nos próximos días conversas para determinaren as condicións en que se desenvolverá o debate. Para tal fin Alfonso Rueda, director da campaña do PP, solicitoulle ao candidato polo PSdeG-PSOE que designe un interlocutor con quen definir "os termos do debate", así mesmo, demandoulle que remitise as súas peticións á sede do Partido Popular, en troca da Xunta "co fin de evitar confusións e manter a diferenciación escrupulosa entre os asuntos de goberno e de partido", asegurou Rueda quen aínda exerce funcións como conselleiro de Presidencia.

"Non busque desculpas de mal pagador"

Pola súa banda, Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta de Galiza, retou a Alberto Núñez Feijóo a "debater sen escusas" e perante toda a sociedade galega. O nacionalista acusou o aínda presidente de "querer reter o goberno usando a mentira". Francisco Jorquera denunciou que o goberno da Xunta de Galiza "tolere o roubo de até o 70% dos aforros" das persoas afectadas pola fraude das preferentes entrementres o goberno español "entrega 4.500 millóns de fondos públicos a Bankia".

Así mesmo, o candidato á Xunta polo BNG, asegurou que Galiza "non precisa unha simple alternancia de goberno" senón que necesita "dun goberno que plante cara aos recortes e que sexa un dique fronte ás desigualdades e á inxustiza, ao centralismo e á perda de democracia". Jorquera emprazou a Feijóo a debater asegurando que o BNG "non foxe dos debates" polo que non é preciso que busque desculpas "dun mal pagador".

Comentarios