Guillerme Vázquez lembra que co BNG no goberno “se alcanzaron os mellores prezos da historia para o leite”

O BNG celebrou un encontro en Castro de Rei no que o seu portavoz nacional prometeu acción da Xunta a favor dun prezo xusto do leite “como o BNG fixo antes”.
Guillerme Vázquez nun encontro con gandeiros
photo_camera Guillerme Vázquez no encontro con gandeir@s

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, encabezou un encontro da súa organización con gandeir@s celebrado en Castro de Rei, no que asegurou que “a chave para o futuro deste sector só virá da man dun goberno do Bloque, como xa demostramos no seu día, cando con nós se alcanzaron os mellores prezos da historia”. “Durante o seu mandato Feijóo non fixo ningún aceno a favor do sector lácteo galego porque o que o PP e o señor Feijóo teñen decidido é abandonar o sector, deixar aos gandeiros aos pés das industrias. As multinacionais do leite pagan prezos máis altos noutras partes do Estado porque o goberno da Xunta, o goberno de Feijóo, non fai presión política”, explicou Vázquez. 

O portavoz do BNG estivo acompañado polo número 1 pola provincia de Lugo, Cosme Pombo, que denunciou o “desleixo do PP co rural galego durante os tres anos e medio do seu goberno, nos que pecharon máis de 3.000 explotacións gandeiras e nos que @s produtor@s quedaron totalmente sen ningún amparo da Xunta, o que derivou nunha gravísima crise de prezos”. “Feijóo botou abaixo os contratos homologados do leite que o BNG puxo en marcha dende a Xunta que si eran merecentes de tal nome”, recordou.

Ana Pontón visita Amio

Pola súa parte, a candidata número 1 do BNG pola provincia da Coruña, Ana Pontón, realizou unha visita á Feira de Gando de Amio, acompañada polos concelleiros de Santiago Rubén Cela e Rafael Vilar. Alí, explicou que “o BNG aposta por reactivar o tecido produtivo agrario galego, fronte ás políticas de abandono do PP que provocaron a destrución de miles de explotacións en Galiza”.

“Esta Feira reflicte a capacidade e a potencialidade que ten o agro galego, pois dende o BNG sempre defendemos o apoio aos sectores produtivos”, dixo. “De xeito lamentábel, este sector sofre os recortes e as políticas da UE que limitan a súa capacidade de desenvolvemento. Fronte a isto, a Xunta do PP non mirou polo noso e preferiu o abandonou. Pola contra, no BNG avogamos por por facerlle fronte ao papel que xogan as grandes industrias que baixan os prezos e provocan que moitos dos nosos gandeiros e gandeiras estean traballando por baixo dos custes de produción. Para iso vemos necesario combater a competencia desleal dende as empresas e apostar por poñer Galiza a producir”, engadiu Pontón.

A candidata nacionalista animou tamén a “adquirir e consumir produtos galegos, pois é unha fórmula de apoio entre tod@s para saír da crise”. As súas declaracións tiveron lugar durante unha visita que tamén serviu para que tratantes e gandeir@s agradeceran o apoio do BNG nas mobilizacións contra o peche do mercado de Amio, tal como pretendeu o PP en diversas ocasións.

Comentarios