Francisco Nogueiras: “Hai galegos na Suíza que viven na rúa, coma antes os subsaharianos en El Ejido”

Francisco Nogueiras leva 42 anos na Suíza. É empresario e membro do Consello Comarcall da Emigración do BNG e tocoulle o 13 como número que acompaña ao seu nome na candidatura de Ourense ao Parlamento de Galiza nestas eleccións.

Qué diferencias ten un galego que quere votar no estranxeiro?
A diferencia máis palpábel é que votamos a destempo. Cando aquí aínda se está de debates os nosos votos xa teñen que estar na papeleta. Como representante, non só do BNG na emigración, senón como emigrante, defendo o voto en urna e no mesmo día en que se fai en Galiza. Eu non quero que o meu voto sexa deturpado, pois o voto, normalmente, lixa a quen o emite, e non a quen o recibe. Co sistema de agora calquera dos votos poden ser corruptos.

O BNG divídese estructuralmente por comarcas, e a da emigración tamén ten esa nomenclatura. Xeográficamente é a “comarca” máis grande de todas, pero non en militancia... Concorda con ese reparto?
Temos agora unhas grandes posibilidades de incrementar a militancia na Comarca da Emigración, cada vez chegan máis mozos e mozas, de feito xa o notamos.
En canto ao reparto... non comparto esa forma de dividir a militancia de fóra da Galiza administrativa. Eu son Responsable Comarcal dunha comarca que ten múltiples e diferentes problemas con outras tantas diversas solucións. E é moi difícil traballar. Temos militantes nas autonomías do estado, na Suíza, en Venezuela, en Alemaña, en Brasil... Non é o mesmo un emigrante que viva en Madrid, que un que vive na Suíza ou en América. O contacto e a cercanía con Galiza é moi diferente, e o que reivindica cada grupo é distinto.

Logo debe ser complicado organizar á militancia...
Desde o meu punto de vista debería haber tres divisións no que chamamos a Comarca da Emigración, que serían: A Comarca de España, a de Europa e a de América. Temos por exemplo, militancia en Catalunya, en Arxentina, Suíza, e moitos máis países, co que a comunicación é vía internet.

Como ven os/as emigrantes a Galiza desde fóra?
A xente non che está moi ao día, e pensan que con ver a TVG de cando en vez xa lles chega. Non se dan conta da manipulación da canle galega, pois non teñen forma de contrastalo. Cren todo o que lles solta o telexornal. Hai de todo. Hai emigrantes, coma min, que temos moito contacto ao vir varias veces por ano, pero a maioría non.

Como se organiza unha campaña para votantes tan desconectados da realidade do País no que exercen o dereito ao sufraxio?
Pois os discursos son diferentes, adaptados tamén ás realidades de cada país no que se está a falar. En todas as campañas se organizan mesas redondas en diferentes países onde se expoñen os problemas de Galiza e as solucións que da o BNG. Nesta campaña non se desprazaron candidatos, pois xeralmente a campaña facémola a militancia que vive en cada país para aforrar recursos ao partido, e porque sabemos que os votos nacionalistas dos residentes ausentes son escasos. Ademais estamos en contacto cos Centros Galegos de todo o mundo onde facemos actos e mandamos información.

Nos últimos anos asistimos á redución do estado. As políticas viraron cara a dereita restando dereitos ás clases medias, as que tamén se viron privadas de poder adquisitivo, e os mercados van fagocitando todo abertamente. O emigrante sempre soña con voltar á súa terra. Como inflúen os cambios políticos no retorno?
As políticas do PP teñen esquecida á clase traballadora, co que tamén á emigración. Só se lembran en campaña para encher a saca de votos. Afortunadamente moitos dos que voltan fano coa pensión propia dun país que protexe aos seus cidadáns e son pensións dignas para vivir. Estes pouco van notar a crise. Pero persoas que non teñan unha pensión completa da Suíza ou da Alemaña, vano pasar moi mal, pois veñen acostumados a un nivel de vida diferente, e, sobre todo, a ter un poder adquisitivo moito maior ao que se pode ter en Galiza. Hoxe, a diferencia de hai anos, os emigrantes que quedan fóra viven ben, teñen unha boa posición. Coas políticas de recortes que, en xeral, aplica Feijoo, e en particular, na sanidade, moitos non van voltar, pois non lles compensa.

Non hai moito dábase a coñecer un dato que conmocionou á sociedade galega: Cada día, 2.000 mozos e mozas abandonan Galiza...
Moito máis. Nótase moito. O outro día saía de casa e vin un coche con matrícula do Reino de España cos cristais abafados, cada vez é máis común ver galegos durmindo en coches na procura de traballo. Vese moita xente na rúa con camisolas do celta ou do deportivo falando galego pedindo traballo, sobre todo nas grande cidades. Hai poucos días que a prensa suíza falaba da invasión de españois que se instalan en tendas de campaña. Aquí se perciben como cando os subsaharianos durmían na rúa para traballar na tempada en El Ejido.

Diso non se fala aquí...
Están chegando familias que os estafan ofrecéndolle un traballo e ao chegar non teñen nada. Contratei eu un matrimonio de murcianos con fillos que chegaron aquí sen nada que levar á boca, porque pagaran os seus últimos 3.000 € a uns estafadores en concepto de arranxo de trámites para conseguirlles traballo no estranxeiro.

Como é, logo, o perfil do novo emigrante? Que diferencias ten co emigrante medio dos anos 60?
Coma a lúa e o sol. Nos 60 e 70 moitos dos que chegabamos eramos analfabetos, nunca subiramos nun tren, ou non viramos nunca un váter. Os mozos que veñen hoxe é a xeración mellor preparada da historia de Galiza. Na miña empresa entran currículos a diario de xente cunha preparación altísima. Pero a diferencia de antes, teñen menos oportunidades. Na Suíza, por exemplo, o mercado laboral está saturado, a porcentaxe de paro é ridícula. Os nosos mozos van ocupar postos de traballo que ninguén quere e nos que van estar explotados. É unha mágoa que Galiza deixe escapar á mocidade máis preparada e que esta nunca desenvolva o traballo para o que está capacitada. O que ten que facer Feijoo é cumprir o que promete e xerar emprego para a mocidade, que hoxe non ten futuro no seu país, e Galiza non merece.

Comentarios