Feijóo xa favorecera a empresa da súa irmá como conselleiro con Fraga

Eulen asinou en 2005, co PP derrotado nas urnas, un contrato con Vivenda, dirixida polo actual presidente da Xunta, por valor 370.000 euros. O presidente da compañía, onde ten intereses Mayor Oreja, defende que “hai que traballar máis e vivir peor”.
Micaela Núñez Feijóo co seu irmán.
photo_camera Micaela Núñez Feijóo co seu irmán.

Malia a súa habilidade para se presentar como un home sen pasado, o actual presidente da Xunta e candidato do PP ás eleccións do 21-O, Alberto Núñez Feijóo, é un veterano dos territorios da dereita e a presente lexislatura non foi a súa primeira relación cun goberno galego, posto que xa foi un dos conselleiros de maior relevancia durante a etapa final de Manuel Fraga no poder. E precisamente daquela, Feijóo xa puxera en práctica a polémica decisión que agora está a enturbar aínda máis a súa campaña electoral: as concesións millonarias á empresa da cal é apoderada a súa irmá Micaela: Eulen. 

Na actualidade, Feijóo e os seus medios intentan desesperadamente agochar a evidencia, xa publicada en varias ocasións nos últimos meses, de que uns 1,4 millóns de euros saíron da Xunta cara á empresa da súa familiar directa, en moitos casos sen concursos públicos e co engadido de que concellos gobernados polo PP tamén se uniron a esa práctica. Mais esta sospeitosa relación vén de lonxe. Segundo informou no seu día a Cadena Ser, a Xunta de Manuel Fraga contratou en 2005 á empresa en que xa tiña un alto cargo Micaela Núñez Feijóo para un labor de asistencia técnica á política de Vivenda, xusto a área da cal era conselleiro o agora candidato do PP.

O motivo do contrato foi a “divulgación das axudas en materia de vivenda” por valor de case 370.000 euros e dous anos. A sinatura, onde non estivo Feijóo varón, correu a cargo do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A contratación tivo lugar a finais de xuño e pechouse a mediados de xullo de 2005, isto é, cando o PP xa sabía que debía abandonar o poder tras a vitoria en escanos de PSOE e BNG perante Manuel Fraga. 

Eulen é unha empresa con históricas relacións coa dereita española. Fundada en Bilbao como empresa de limpeza, agora abrangue distintos sectores, algúns beneficiarios das políticas do PP, como as Empresas de Traballo Temporal. No seu nacemento mantivo boas relacións coa familia Ybarra, unha das máis importantes da burguesía vasca e con grandes lazos de amizade co franquismo. Outra das persoas máis achegadas a Eulen é un dos maiores representantes da extrema dereita no PP, o eurodeputado Jaime Mayor Oreja, que traballou na empresa nos anos '80 e onde agora conta con participacións, especialmente no eido da seguridade privada. 

Mais as ligazóns entre o PP e a empresa da irmá de Feijóo non son só persoais ou familiares, senón mesmo ideolóxicas. Así o puxo de manifesto este mesmo ano, o presidente de Eulen, David Álvarez, quen asegurou no Salón Alimentario de Valladolid que “para saír da crise hai que traballar máis e vivir peor”.

O Partido Popular sae en defensa de Eulen

A través dun comunicado publicado no seu sitio web o Partido Popular saíu en defensa da empresa da cal é apoderada a irmá de Núñez Feijóo. Os populares reaxen así as peticións de explicacións por parte das forzas da oposición a respecto dos contratos asinados, moitos deles a dedo, co Grupo Eulen.

No comunicado o PP afirma que “Eulen é unha empresa que leva traballando coa Xunta desde hai anos” e que “dá traballo a 82.000 persoas en 11 países”, sinalando que foron varios os gobernos que asinaron contratos con esta. Porén, só no caso do Partido Popular se dá a casuística de que a súa apoderada xeral da empresa sexa familia directa do presidente da Xunta de Galiza.

Comentarios