Feijóo gábase dos resultados electorais e deixa caer que a Xunta continuará coa política de recortes

Após finalizar a Xunta directiva, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo valorou os resultados obtidos pola formación política nas pasadas eleccións nacionais. O que será elixido presidente da Xunta de Galiza explicou que a súa acción de goberno continuará a "procurar a estabilidade económica", afirmación da que se deduce en que proseguirán coas políticas de recortes que foron obxecto dunha forte contestación social.
Alfonso Rueda e Núñez Feijóo
photo_camera Alfonso Rueda e Núñez Feijóo

"Don Manuel, vai por vostede". Así remataba a súa intervención o presidente do Partido Popular en Galiza e novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O dos Peares, tivo palabras de afecto para o recentemente finado Manuel Fraga Iribarne. Porén, Nuñez Feijóo tamén se lembrou dos catro presidentes provinciais da formación, Rafael Louzán, José Manuel Baltar, Carlos Negreira e Xosé Manuel Barreiro que se atopaban xunto a el na mesa que presidía a Xunta directiva. Palabras de agradecemento de Núñez Feijóo para aquelas persoas que representaban a vitoria, dixo "dun partido unido" que ten claro que é "un partido reformista e galeguista" que "non quere impor os seus principios senón que nos adaptamos", aseguraba Feijóo.

Feijóo definiu o PP como un partido "reformista e galeguista"

Na lexislatura que se abre o partido maioritario poderá sacar adiante moitas das propostas que ficaran pendentes após o adianto electoral. Porén, Núñez Feijóo asegurou que a vontade do seu goberno sería procurar "a unidade" para o que propuxo tecer o maior número de consensos cos grupos da oposición. As declaracións de Alberto Núñez Feijóo, contrastan coa súa práctica durante a pasada lexislatura, en que os grupos da oposición denunciaron en repetidas ocasións a imposibilidade de incorporaren na orde do día puntos de debate para alén dos achegados polo grupo maioritario ou mesmo que se desenvolvese un goberno "a golpe de decreto". 

Continuarán as políticas de "austeridade"

Os obxectivos que servirán de guieiro á política do Partido Popular, dixo Núñez Feijóo, serán "procurar a estabilidade política e económica e aplicar o programa" con que se presentaron ás eleccións, pois interpretou "iso é o que queren as galegas e galegos". Mensaxe da cal se pode deducir que o goberno galego proseguirá na política de recortes, pola que recibiu no pasado mandato unha forte contestación social con importantes procesos mobilizadores. Asemade, dixo, o vindeiro goberno galego procurará "manter a solvencia de Galicia e promover o crecemento", principais eixos arredor de que xirou a campaña electoral d@s populares que fixeron unha defensa cerrada das políticas de "austeridade".

Aliás, aseverou que o apoio recibido pola cidadanía "non será un cheque en branco", unha das principais acusacións da oposición, que asegurou que a revalidación da maioría absoluta para o Partido Popular, suporía unha vía libre para desenvolver as políticas emanadas de Madrid. Núñez Feijóo dixo que no PP "estamos convencidos de que imos saír desta situación" e comprometeuse a que en 2016, cando remate a lexislatura, "Galiza sexa a do crecemento".

Finalmente, o presidente do PPdeG agradeceu a Rajoy --con quen marcou distancias durante toda  a campaña-- a súa contribución á vitoria pois dixo, "sen el isto non sería posible". Núñez Feijóo asegurou que a maioría absoluta obtida polo Partido Popular demostra que se están a facer "as cousas ben en España" malia atopárense na peor situación económica.

Comentarios