Feijóo, o “Delegado en Galiza” de Rajoy e da súa política de recortes

Jorquera critica que agora Núñez Feijóo pretenda marcar distancias con repecto a Rajoy durante a campaña electoral. Acusa o PP de ocultar o seu programa real entrementres prepara o segundo “rescate” e unha nova vaga de “recortes brutais”. Jorquera exíxelle a Feijóo que aclare se pactará ou non con Mario Conde, e Guillerme Vázquez afirma que “o PP non serve Galiza senón a outros intereses”.
Jorquera na presentación da candidatura do BNG en Lugo
photo_camera Presentación da candidatura do BNG en Lugo

En opinión de Francisco Jorquera, “Feijóo non se merece unha segunda oportunidade” o 21-O. A razón que esgrimiu o candidato nacionalista á presidencia da Xunta é meridiana: “Galiza non se pode permitir perder outros catro anos”. Jorquera realizou estas declaracións no acto de presentación da candidatura nacionalista celebrado onte en Lugo e onde estivo acompañado polo cabeza de cartel provincial, Cosme Pombo, e a número dous da lista, Isabel Sánchez.

Despois de puntuar cun “cero redondo” os resultados do actual goberno galego, o candidato do Bloque criticou con dureza a decisión de Feijóo de tomar distancia de Rajoy durante a campaña das eleccións galegas. “Despois de ter actuado de delegado en Galiza de Rajoy e as súas políticas antisociais, agora pretende fuxir del con descaro” denunciou.

Feijóo oculta o programa real entrementres Rajoy prepara o segundo “rescate”

Jorquera alertou de que na súa opinión o presidente do goberno español, Mariano Rajoy, “está a preparar o escenario para un segundo rescate”, que segundo advertiu terá consecuencias sociais aínda máis duras. Nese sentido reiterou a oposición do BNG ás “políticas de dereita”, baseadas –segundo el-- na austeridade e “recortes brutais” e que producen “máis depresión económica e máis desemprego”, poñendo como exemplo as situacións de Grecia e Portugal. O aspirante nacionalista dixo que o Partido Popular repetirá a mesma estratexia de campaña que nas eleccións andaluzas, “ocultando o seu programa real” para acometer despois do 21 de outubro unha nova vaga de “recortes brutais”.

A quen serve o Partido Popular?

Guillerme Vázquez: “O PP non serve a Galiza senón a outros intereses"

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez afirmou desde Vilagarcía que “o PP non serve a Galiza senón a outros intereses". Guillerme sustentou esa afirmación na posición adoptada polo goberno Feijóo no caso das preferentes, acusando ao Partido Popular de “colocarse ao lado dos estafadores en lugar de defenderen ás vítimas”. Mencionou tamén a proposición da eurodeputada galega do PP, Carmen Fraga, de retirar a referencia á orixe na etiquetaxe das conservas e produtos pesqueiros, o que para a fronte nacionalista supón “todo un golpe para o noso sector conserveiro”.

Montse Prado, candidata por Pontevedra, participou canda Guillerme no acto en Vilagarcía. Prado, chamou “a converter a indignación e acción para provocar un cambio en Galiza” pedindo para iso o “apoio ao BNG”. A respecto da importancia dos comicios autonómicos Guillerme Vázquez acrecentou que neles “temos que decidir quen vai gobernar Galiza, para que e para quen”.

Alianza entre Feijóo e Mario Conde

Despois de que o partido de Mario Conde, Sociedad Civil y Democracia, presentase candidaturas nas catro provincias galegas, Jorquera exixiulle a Feijóo que “aclare se vai pactar ou non con Mario Conde”. Un acordo que de se producir sería “unha nova expresión da “alianza da dereita cos banqueiros de casino”

Comentarios