Feijóo leva no seu programa 'enchufar' como funcionari@ o persoal nomeado a dedo

O programa electoral do PP contempla facer funcionario o persoal directivo e eventual, unha vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade para empregad@s públicos, denuncia a CIG. Para alén disto, de implantar o PP esta medida, suporía un custo de 15 millóns de euros anuais ás arcas publicas

Ex-delados territoriais como os populares Diego Calvo ou Cores Tourís, nomeados a dedo e eventualmente polo goberno de Feijóo, poderían pasar ser funcionarios. Algo que sería posíbel de gañar o PP as eleccións, pois é unha das achegas incluídas no programa electoral dos populares.

Desde CIG-Administración xa se denunciou esta medida, pois considera que "vulnera os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade" que regulan o acceso ao empego público.

Para a central nacionalista, o PP pretende enchufar "centos de directivos da administración" e de organismos dependentes. A CIG considera que con esta medida van garantir un posto de persoal directivo permanente para o "seu persoal afín". E a central bota contas e sinala que isto pode supor para as arcas públicas un custo de 15 millóns de euros anuais.

Para a CIG non deixa de ser vergoñento que Feijóo procure enchufar cargos políticos co único mérito de seren do PP mentres milleiros de empregados públicos están sen posibilidade de promoción interna, sen carreira profesional e cos salarios recortados; para alén dos outros milleiros de galegos que están a preparar oposicións.

Comentarios