Feijóo e Pachi presentan as súas candidaturas

O PP e o PSdeG-PSOE fixeron públicos os nomes que conformarán as súas candidaturas electorais nestas eleccións. Asemade defenderon as súas propostas. Feijóo apela á "experiencia" mentres Pachi propon unha "Galicia alegre".

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza polo PP, Alberto Núñez Feijóo presentaba a pasada sexta as candidaturas provinciais do seu partido para as eleccións nacionais. Entre os nomes, salienta a presenza da maior parte d@s conselleir@s que ocuparon un asento a carón do presidente ao longo desta lexislatura. Aliás, o nome de Jesús Vázquez encabezando a lista de Ourense, deixa ver as preferencias dun Feijóo duramente criticado entre as súas filas na provincia.

O candidato popular sacaba peito estes días e aseguraba que as listas electorais no seu partido se facían nunha tarde, tanto é así, que non houbo moitas sorpresas nos nomes. Rodeado d@s seus/súas, Feijóo presentaba @s candidat@s provinciais: Jesús Vázquez (Ourense), Beatriz Mato (A Coruña), Jaime Castiñeiras (Lugo) e el mesmo pola provincia de Pontevedra, seguido de Alfonso Rueda, Javier Guerra e Pilar Rojo. Con esta proposta, o aínda presidente, pretende (re)producir os resultados obtidos en 2009 e apelou á “experiencia de goberno, de xestión e parlamentar” coa que contan @s candidat@s.

“O equipo do crecemento”

A estratexia popular reside nos anos de goberno e na idea de que a súa equipa estará lista para gobernar desde o primeiro día. Asemade, criticou aos partidos da oposición apelando ás supostas divisións internas. Esquecíase Feijóo da militancia “popular” que abandonou o partido para integrar a proposta de Mario Conde ou as claras divisións internas que o PP padece co afamado “sector da boina” afincado en Ourense.

Unión, experiencia e boa xestión económica pretenden ser os eixos centrais arredor dos que xire o programa de Feijóo quen demandou “seguir sendo noticia polo que propoñemos”.

O PSdeG-PSOE tamén facía públicos os nomes que configurarán as súas listaxes electorais esta mesma mañá. Noventa e cinco nomes que pretenden construír, segundo Pachi Vázquez, “un goberno forte que free o avanzo dunha dereita insensíbel”.

O candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG, apelou na súa intervención pública á necesidade de apostaren por un “goberno de progreso cunha clara maioría para facer realidade os soños dos galegos”. O candidato socialista asegurou que é tempo de mudar o “sufimento por crecemento” e debullou algunhas das propostas do seu partido para estas eleccións que compoñen, dixo, “un modelo de Galicia alegre, innovadora, competitiva, formada e optimista”. Aliás, anunciou algunha que outra promesa electoral como a aprobación dun plan de emprego xuvenil que garanta “a contratación de 25.000 mozas e mozos” ou manter a calidade dos servizos sociais.

Manifestación en Madrid

O candidato á presidencia da Xunta de Galiza lembrou os centos de cidadáns e cidadás que se manifestaron hoxe polas rúas da capital española exixindo un referendo popular sobre os recortes e subliñou a vontade da sociedade para “frear a quen queira cambiar o país a base de recortes e mentiras”. Pachi Vázquez presentou tamén no acto desenvolvido no Parque de Bonaval o lema da campaña, “Galicia quere, Galicia pode” e ofreceu @s galeg@s un “goberno progresista, de esquerda e galeguista” representado nas noventa e cinco persoas que compoñen as candidaturas.

Encabezarán a proposta do PSdeG-PSOE, Francisco Caamaño (A Coruña), Concepción Burgo (Lugo), Manuel Vázquez (Ourense) e Abel Losada (Pontevedra).

 CxG e Alternativa Galega de Esquerda, á espera do que decidan as súas bases

Fican pendentes de se presentaren as candidaturas de Compromiso por Galicia, que elixirá en primarias abertas –previo pagamento de 2€-- o candidato á presidencia da Xunta. Entre os posíbeis nomes os seus candidatos provinciais, Rafael Cuíña (Pontevedra), Xoán Bascuas (A Coruña), Pérez Bouza (Ourense) e Iván Marrube (Lugo). Pola súa banda, o partido de Mario Conde –Sociedad Civil y Democracia— concorrerá finalmente ás eleccións, as persoas participantes no Congreso celebrado este sábado en Compostela decidiron que fose o banqueiro e exconvito o que liderase o proxecto como candidato á presidencia; entre as persoas que asistiron en apoio a Conde atopábase, Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe. Tamén así, Alternativa Galega de Esquerda (coalición electoral de EU e Anova) deberá facer pública a súa proposta electoral nos vindeiros días, pois a  presentación de candidaturas remata o vindeiro luns 17. 

Comentarios