Feijóo cualifica de “histórica” a súa segunda maioría absoluta malia a crise

“Non é habitual que nunha crise como esta un goberno reciba un apoio como o que temos obtido” sinalou o presidente en funcións Alberto Núñez Feijóo.  Agradeceu  á cidadanía a súa segunda maioría absoluta e cualificou o triunfo de “histórico”. Dixo que o PP gañara "limpa e claramente" e, despois dunha campaña en que apenas coincidiron, afirmou que ter "o goberno responsable" de Rajoy axudou a aumentar a confianza dos galegos e galegas. Aplaudia así a xestión de Rajoy como non fixo nos quince días anteriores.

Alberto Núñez Feijóo logo de comparecer
photo_camera Alberto Núñez Feijóo logo de comparecer

“Galicia, Galicia, Galicia”, así remataba a intervención de non máis de cinco minutos o candidato do PP e presidente en funcións que comezou agradecendo a confianza da cidadanía, dos “que votaron, dos que se abstiveron, dos que votaron aos partidos nacionalistas e ao partido socialista”.

Mentou despois as persoas que sofren o paro, ás que lle dedicou “recordo e compromiso”. “Por eles seguiremos traballando, por ter unha administración capaz, unha Xunta solvente”, comentou para lles transmitir unha “mensaxe de esperanza”. Feijóo manifestou tamén que o obxectivo é “saír da crise económica”.

Cunha sala ateigada de gráficos entre os que se atopaban dirixentes do PP como Ana Pastor ou o Secretario Xeral de Comunicación,  Alfonso Cabaleiro, Feijóo lembrou a Fraga dicindo que “fundou o partido que máis se parece a Galiza”, ademais de lle agradecer o apoio a outro expresidente, Xerardo Fernández Albor. O candidato do PP compareceu acompañado de Alfonso Rueda, responsábel de campaña, e o voceiro parlamentar Pedro Puy.

A responsabilidade de Rajoy

Despois dunha campaña en que apenas se deixaron ver xuntos, Feijóo aproveitou a súa primeira comparecencia para afirmar que “ter un goberno responsable en España axudou a aumentar a confianza de galegos e galegas”. Aplaudia así a política de recortes do presidente do Estado español como non se atreveu a facer ao longo da campaña.

Pasou despois o presidente en funcións a falar en español para recoñecer que “o bo para España é bo para Galiza e o bo para Galiza é bo para España”.

Pasaban as once da noite cando o presidente en funcións chegou á sede do PP no barrio de San Lázaro onde non estaría nin unha hora. Nomes fortes do PP acompañárono na comparecencia, situándose entre os medios de comunicación. O secretario xeral de Comunicación, Alfonso Cabaleiro, permaneceu todo o tempo entre os gráficos. Ana Pastor ou Rosa Quintana sumáronse tamén a unha comparecencia en que se repetiron os aplausos. A familia de Feijóo agardou por el na sede, a nai, a irmá e a curmá, entre outros. No remate, o presidente dirixiuse á cafetería onde se atopaban os medios de comunicación para saudar e recoñecer que non esquecería o día até que fose enterrado "nesta Terra".

Comentarios