Os webs críticos ou satíricos co candidato popular desbaratan a estratexia do PP nas redes

Páxinas como Feijóo 2012 ou Galicia Primeiro, por poñer dous exemplos, sacan a relucir as mentiras, contradicións e incumprimentos de Núñez Feijóo na súa presidencia da Xunta. Con milleiros de visitas, dinamizan as redes sociais cunha intensidade e alcance que crearon xa preocupación nas filas populares.
Unha das imaxes do sitio web Galicia Primeiro
photo_camera Unha das imaxes do sitio web Galicia Primeiro

O propio Núñez Feijóo advertiuno no inicio de campaña nun acto dos moz@s do PP. Tiñan pouca presenza nas redes sociais e iso, nunha campaña, era nefasto. De aí que fixese un chamamento a militantes e simpatizantes populares para se poñeren mans á obra nese espazo comunicativo. Mais semella que quen fixo caso do chamento Núñez Feijóo foron, precisamente, @s que non están polo labor de gabar o candidato do PP.

No inicio da campaña Feijóo chamou os seus para intensificar a actividade en internet. Semella que quen recolleu a chamada foron os críticos coa súa xestión

Así que arrancou a campaña e naceron páxinas e webs (ou redobraron actividade as xa existentes) que fan o papel de denunciar e dar a coñecer aquelas novas relacionadas con Feijóo candidato e Feijóo presidente que un lector non pode atopar nos grandes medios de comunicación. Desde Feijoo2012 a Galicia Primeiro, o abano de rexistros que empregan estas páxinas é amplo, desde a retranca e a ironía até as denuncias documentadas e argumentadas.

Non deixa de ser curioso que ambas as dúas páxinas críticas con Feijóo se chamen como os dous lemas do PP nesta campaña

As hemerotecas

Unha fonte inesgotábel de recursos para estas páxinas son as hemerotecas, contrapoñendo as promesas de Núñez Feijóo na campaña de 2009 coa súa xestión á fronte da Xunta e coas novas promesas na actual campaña. Neste sentido, e como resumo, ao entrar en Feijoo 2012 pode escoitarse a voz do candidato do PP cando dicía hai uns anos que se despois do seu mandato decepcionaba como presidente "e se despois de 4 anos dun goberno meu Galicia presenta piores resultados, non vou pedir unha segunda oportunidade".

Mais tamén no twitter hai, e xa na tendencia máis retranqueira que acae aos 140 caracteres, contas satíricas que fan parodia do presidente da Xunta. Desde @feixoo2012 até Alberte Nunes Feixóo, pasando por @FeijooMentiran, entre outros.

Comentarios