Feijóo é apupado no Grove por afectad@s das preferentes e visitantes á Festa do Marisco

O candidato do PP tivo un paseo pola vila arousá marcado polos apupos e recriminacións de ducias de afectad@s polo calote. A protesta mesmo lle obrigou a acelerar a súa visita á Festa do Marisco desta localidade, converténdoa nun paseo fugaz
Feijóo apupado no Grove
photo_camera Feijóo apupado no Grove

O candidato do PP á Xunta, Núñez Feijóo, semella que non vai ter unha campaña moi tranquila. @s afectados polas preferentes están a se encargar de lembrarlle en cada acto a súa responsabilidade e a do seu partido no calote que afecta a perto de 100.000 galeg@s. Se o sábado estes e estas afectadas lle augaron ao PP o seu mitin central en Pontevedra, o domingo foi no Grove. Feijóo encabezaba unha ampla delegación popular que confiaba en repetir o guión de anos anteriores: paseo pola vila arousá até as carpas da Festa do Marisco para ver e, sobre todo, deixarse ver. 

"Fóra, fóra"

Mais nesta ocasión os plans non lle saíron ben. Desde un primeiro momento, ducias de afectad@s polas preferentes apuparon a Feijóo e altos cargos do PP e lembráronlle a súa responsabilidade no calote. Para non ter que os escoitar, a comitiva popular acelerou o paso e aquilo máis que un paseo foi unha carreira até as carpas da Festa do Marisco. Mais nin alí acabou o calvario para Feijóo, que tamén no medio da festa tivo que escoitar os e as afectadas polas preferentes, para alén de asistentes a esta festa gastronómica que tamén lle recriminaron ao candidato do PP a súa presenza alí. Os berros de fóra, fóra dirixidos á comitiva do PP, encabezada por Feijóo e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, foron constantes.

Comentarios