EU ficha o madrileño Pablo Iglesias Turrión para a equipa de campaña de AGE

O presentador de “La Tuerka” confirmou a súa incorporación como consultor e recoñeceu estar xa en coordinación con EU. Anova descoñecería esta fichaxe.
Pablo Iglesias Turrión
photo_camera Pablo Iglesias Turrión

Diversas fontes apuntaban desde hai días que Esquerda Unida tería fichado a Pablo Iglesias Turrión, como coordinador da equipa de asesor@s de campaña da Alternativa Galega de Esquerdas. Equipa que podería atinxir até dez persoas.

O propio Pablo Iglesias confirmou a Sermos Galiza que fará parte desa equipa, malia que reduciu a súa participación a consultor e non a coordinador dela. Iglesias Turrión asegurou que xa se está a coordinar co gabinete de comunicación de Esquerda Unida e que proximamente fará o propio co de Anova, a outra pata da coalición. Preguntado a respecto de se a súa fichaxe para as eleccións galegas foi unha decisión de IU a nivel federal, Iglesias asegurou que os contactos que mantivo foran sempre coa federación galega, concretamente coa súa coordinadora, Yolanda Díaz.

O responsábel de comunicación de EU, César Santiso, rexeitou facer declaracións ao respecto, afirmando estar á espera de que se celebrase a Comisión Coordinadora de AGE que terá lugar esta terceira feira. Todo parece apuntar que a fichaxe confirmada sería aínda descoñecida a esta altura por Anova.

Tamén se apuntou a posibilidade de que a produtora madrileña que dirixe Pablo Iglesias, Producciones Con Mano Izquierda, puidese realizar os audiovisuais electorais da coalición, dado que xa produciron outros materiais para Izquierda Unida. Nese sentido, Iglesias Turrión manifestou non ter nada pechado e considerou que os anuncios poderían ser realizados por algunha empresa galega.

Profesor en Madrid e presentador de La Tuerka

Pablo Iglesias Turrión, de 33 anos, é profesor de Ciencia Política na Universidade Complutense de Madrid e membro do Consello Executivo da Fundación Centro de Estudos Políticos e Sociais (CEPS). É presentador do programa “La Tuerka” que se emite na canle madrileña Tele K. Asemade, é colaborador en diferentes medios de comunciación, entre eles o xornal Público. Politicamente asociáselle á Izquierda Unida e a movementos sociais de esquerda.

EU fala por AGE no twitter

Todo parece indicar que @ community manager de Esquerda Unida e o da Alternativa Galega de Esquerda (coalición entre EU e Anova) son a mesma persoa. Así se deduce do feito de que esta mañá ás 9:07 as contas oficiais de twitter de AGE (@alternativagz) e EU (@esquerdaunida) publicasen simultaneamente o mesmo chío. “Bos días #Galicia” rezaba a mensaxe.

Comentarios