Comeza a carreira electoral cara ao 21-O

Este media noite pechabase unha conflitiva precampaña e abriuse o tempo en que as forzas políticas xa poden pedir o voto. Todas as candidaturas escolleron Compostela para os actos centrais, agás o PSdeG que optou por un acto dobre en Ourense e Vigo. Feijóo prometeu crecemento, Jorquera chamou a concentrar o voto para derrotar o PP e Pachi Vázquez apostou por un "goberno de progreso".
Todos

Esta media noite encetou a campaña electoral que desembocará nos comicios autonómicos do 21 de outubro. Unha campaña que se promete intensa e dura polo apertados que estarían arestora os resultados, cos que Alberto Núñez Feijóo non tería en absoluto garantida a reelección.

A que arranca hoxe non é unha campaña centrada só no balanzo do goberno galego saínte ou nas alternativas da oposición. As políticas de duro axuste desenvolvidas por Mariano Rajoy nos poucos meses que leva na Moncloa, someteranse de feito a ratificación nestes comicios.

Asemade, a entrada en xogo de novas candidaturas que aspiran a superar a difícil barreira do 5% dos votos para lograren representación parlamentar, engadiralle outra dose de tensión á campaña.

Feijóo presume dos recortes e promete crecemento

Alberto Núñez Feijóo insistiu no seu discurso de precampaña chamando ao “voto da estabilidade, á unidade e ao crecemento para que Galicia poda seguir respondendo primeiro aos retos con solucións”. O presidente saínte gabouse máis unha vez de ser o primeiro en desenvolver as políticas de recortes, que onte mesmo volveron ser contestadas con masivas mobilizacións en nove vilas e cidades do país.

Feijóo promete pasar das políticas de axuste ao crecemento nos vindeiros anos

Para presentar o seu balanzo volveu comparar os resultados desta lexislatura coa situación a nivel de estado, en lugar de contrastar a situación de hoxe coa de 2009 cando asumía a Presidencia da Xunta. “Galicia ten menos déficit, menos débeda e menos paro que España” afirmou, obviando deliberadamente que a débeda galega multiplicouse por tres nestes anos e as máis de cen mil galegas e galegos que perderon o seu emprego baixo o seu mandato.

Cando foron precisamente os retallamentos en sanidade, políticas de benestar ou educación as principais problemáticas da súa acción de goberno, Feijóo asegurou que de ser re-elixido seguirá construíndo “hospitais públicos”, a pesar de que os licitados nos últimos anos foron a través de concesións privadas, ou “sumar máis prazas públicas de residencia, centros de día e discapacidade”, despois de ter desartellado o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar impulsado polo anterior goberno.

Porén, a principal promesa lanzada polo aspirante popular foi a de pasar das políticas de axuste ao crecemento nos vindeiros anos, mais sen apuntar que medidas adoptará para reverter o desartellamento produtivo, especialmente no eido industrial, que tivo lugar durante os últimos anos.

Os populares utilizarán o lema “Galicia Primeiro” en soportes bilingües, con cartelería en galego e en español indistintamente. Un xesto con que pretenderían achegarse ao voto dos sectores máis españolistas que poderían simpatizar con Mario Conde.

Jorquera pide concentrar o voto no BNG para desloxar a Feijóo

“O PP ten as eleccións perdidas se os votos nacionalistas e de esquerdas se concentran no BNG” así de rotundo se manifestou o candidato nacionalista á Presidencia da Xunta de Galiza. Para Jorquera concentrar o voto no Bloque será determinante para impedir a reelección de Feijóo, e deste xeito poñer fin ao que cualificou de “3 anos de fracasos, mentiras e incumprimentos” e poñer rumbo “ao cambio real que Galiza precisa”.

"Feijóo tivo a súa oportunidade e desaproveitouna, deixando o país á beira da ruína"

A respecto do Presidente saínte, Jorquera asegurou que “Feijóo tivo a súa oportunidade e desaproveitouna, deixando o país á beira da ruína” e puxo como exemplos as cifras do desemprego, a situación do sector naval e leiteiro, ou as 60.000 mozas e mozos “que tiveron que coller a maleta para emigrar”.

No BNG defenden que o 21-O representa unha oportunidade para “inciar unha nova etapa”, para que a proposta da fronte nacionalista pasa por apostar por políticas moi diferentes ás desenvolvidas até agora polo PP, cun “proxecto pensado para as traballadoras e os trabalaldoras e non para os ricos e banqueiros como o de Feijóo”. Un proxecto que o cabeza de cartel nacionalista resumiu na fórmula “soberanía, democracia e traballo”.

Na pegada de cartaces realizada na Praza de Praterías de Compostela, tamén falaron Guillerme Vázquez e Ana Pontón. O Portavoz nacional pediu expresamente o voto para o BNG porque “é a forza política que está co pobo”. “Estivemos co naval, co estudantado, cos afectados pola estafa das preferentes. O BNG está a pé de obra para facer frente á crise, para insubmiso ante os recortes” afirmou Guillerme Vázquez.

Pola súa banda a número dous do BNG por A Coruña, Ana Pontón, revindincou a política como vieiro para a mudanza da realidade. “Se nós non facemos a política farana eles por nós e farana para defender os intereses de banqueiros e poderosos, non os nosos, os da maioría social” dixo.

Pachi Vázquez pide o voto para “un goberno de progreso”

O candidato socialista, Pachi Vázquez, pediu o voto para presidir “un goberno de progreso en Galicia que lle cambie a vida á xente” e que sexa a “barreira” á política neoliberal do PP. Vázquez defendeu a necesidade dun camiño alternativo ao da dereita “que só ofrece máis paro e máis recesión” e que “nos sitúa no vieiro de Portugal e Grecia”.

Na liña do discurso desenvolvido polo PSdeG durante a precampaña o seu cabeza de cartel centrou a súa intervención no acto de inicio de campaña celebrado en Vigo, en despregar un bo número de promesas electorais referidas maioritariamente ao reforzo dos servizos públicos.

Aliás, nun xiro inesperado os socialistas puxeron enriba da mesa o decreto do galego que Pachi Vázquez se comprometeu a suprimir por “sepultar o galego neste país” afirmando que “queremos falar a lingua propia do noso país”. Unha chiscadela a sectores do nacionalismo máis moderado para tentar sumar o electorado que aspirrían a recoller outras forzas como CxG.

Bascuas certo de que CxG entrará no Parlamento

A compostelá Praza do Oito de Marzo foi o lugar escollido por Compromiso por Galicia para iniciar a carreira electoral, cun acto no que estiveron presentes todos os cabezas de lista provinciais –entre eles o ex popular Rafael Cuíña-- e máis o aspirante á Presidencia da Xunta. Bascuas afirmou que CxG enfronta a convocatoria electoral “sen poñerse límites” e amosouse convencido de que obterán representación no Parlamento Galego.

Logo de cualificar a Feijóo como “o peor Presidente da historia do noso País”, Bascuas coincidiu ironicamente co popular asegurando que “ten moita razón no seu lema electoral --Galicia Primeiro, xa que co goberno do Partido Popular , Galiza é a primeira que máis emprego destrúe, a primeira en políticas antisociais e a primeira en xerar desigualdades”.

AGE chama á “rebelión cívica”

A Alternativa Galega de Esquerda deu inicio a súa campaña electoral cun acto nas proximidades de Igrexa de Salomé, tamén en Compostela, que contou coas intervencións de Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras.

AGE chamou á “rebelión cívica” para derrotar ao PP que cualificaron de “bárbaros”. Neste senso, Díaz defendeu a necesidade dun xiro de “180º que priorice os servizos sociais básicos” como sanidade e ensino. Pola súa banda Beiras denunciou a submisión do PP á banca. Finalmente pediron o voto para a coalición entre EU e Anova para “poñer fin ás políticas de exterminio e destrución impulsadas polo PP”.

Comentarios