Ecogaleguistas marchan de CxG e abren diálogo con Alternativa Galega de Esquerdas

Espazo Ecosocialista considerábase "incompatíbel" cun CxG como "partido nacional neutro"
Xoán Hermida
photo_camera Xoán Hermida

A Asemblea Nacional Extradordinaria de Espazo Ecosocialista  decidiu finalmente o que desde hai días xa era previsíbel: abandonar Compromiso por Galicia, entidade da cal foi fundador, para tentar sumarse á Alternativa Galega de Esquerdas, impulsada por IU e Anova. Nas últimas semanas as diferenzas dos ecogaleguistas cos seus compañeir@s de coalición en CxG xa saltaron do debate interno para seren discrepancias públicas. O Anova "affair" (cos si, non e dependes que fixeron imposíbel unha confluencia dos 'escindid@s' do BNG) e viraxe centrista de Compromiso xa levaron @s ecogaleguistas a manifestaren que non ía o regueiro precisamente polo seu prado. 

Desde o colectivo que ten a Xoán Hermida como coordinador facían chiscadelas ao polo Anova/IU á vez que amosaban o seu disgusto coa 'dereitización' de Compromiso, polo que entendían que se afastaba da súa idea inicial de abranguer o galeguismo integrador e a esquerda renovadora.

Incompatíbel

No seu comunicado @s ecogaleguistas afirman que o debate nas últimas semanas en CxG puxo de relevo dúas concepcións de construción do proxecto: "a fundacional da cooperativa política inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro defendida por outras persoas, ambas as dúas lexítimas mais desde o noso punto de vista incompatibles".

Por iso, e en asemblea extradordinaria, acordaron por unanimidade "abandonar o proxecto político de Compromiso por Galicia" á vez que decidían "abrir o diálogo político coa coalición electoral Alternativa Galega de Esquerdas para incorporar o Espazo Ecosocialista nesta coalición, facilitando a incorporación dun necesario sector social cidadá que doutro xeito non se mobilizaría perante o imprescindible cambio político".

Comentarios