CxG promete axuda ao empresariado xuvenil

Presentou un chamado Plan Estratéxico para a Mocidade Emprendedora que din crearía 5.000 postos de traballo.


Unha inversión de 70 millóns de euros para crear 5.000 postos de traballo “de alta cualificación” nun renovado empresariado xuvenil. Esa é a proposta que vén de facer Compromiso por Galicia por medio dos seus candidatos Manuel González, economista, e Paulo Carlos López, secretario xeral da MNG.

Segundo Paulo Carlos López, “cómpre apostar por unha sociedade creativa, emprendedora e traballadora, posibilitando á mocidade a súa inserción no tecido produtivo galego como actores principais e non nunha posición subsidiaria”. “A taxa de desemprego alcanza niveis alarmantes e son necesarias políticas públicas de reactivación”, engadiu.

Pola súa banda, Manuel González asegurou que o que Compromiso chama PEME (Plan Estratéxico para a Mocidade Emprendedora) “pivotaría en dous eixos, o do asesoramento financeiro e de xestión empresarial e o de axuda directa”. “O asesoramento consistiría na orientación empresarial á mocidade emprendedora acompañada da eliminación de todas as trabas burocráticas para a posta en marcha dun proxecto empresarial”, asegurou o economista e candidato de CxG pola Coruña, que aposta por axudas directa de “6.000 euros ao menor de 35 anos que cree unha empresa e 2.000 máis por cada posto de traballo que cree”.

Comentarios