sábado 25.01.2020

CxG destaca a importancia do rural no mitin de Lugo

O cabeza de lista pola circunscrición de Lugo, Iván Marrube, estivo acompañado na cidade da muralla pola número dous, Rocío López e o candidato á presidencia da Xunta Xoán Bascuas.
Xosé Anxo Laxe, Rocío López e Xoán Bascuas (Foto:CxG)
Xosé Anxo Laxe, Rocío López e Xoán Bascuas (Foto:CxG)

Compromiso por Galicia celebrou o seu mitin central en Lugo no que puxeron en valor a importancia do rural. Rocío López, candidata número dous pola circunscrición, asegurou que "se non poñemos en valor o noso sector agroforestal e gandeiro nunca conseguiremos o reequilibrio do interior para o país", aliás, debullou algunhas das propostas que a formación leva no seu programa electoral á fin de reactivaren o que din é o "pulmón" da economía galega. López, salientou a importancia do cooperativismo como unha medida fundamental para o desenvolvemento do rural e apostou pola "creación de unidades para a comercialización e produción de produtos agrogandeiros" á fin de pularen polo sector.

Pola súa banda, Iván Marrube, que encabeza a lista electoral, aprobeitou a súa intervención para bater no presidente saínte da Xunta de Galiza. Marrube asegurou que Feijóo "é un mentireiro, el e todo o seu gabinete" e contrapuxo a súa formación da que dixo "queremos escoitar" para resolver os problemas de Galiza, entre os que salientou a necesidade dunha "rexeneración democrática".

A última das intervencións foi a de Xoán Bascuas. O candidato á presidencia da Xunta de CxG centrou o seu discurso nos servizos públicos e as políticas sociais polas que dixo estar moi "preocupado". Bascuas subliñou o mal aproveitamento do ensino público pois asegurou "permitimos que a xeración mellor preparada da nosa historia emigre". Neste sentido, expuxo algunhas das medidas que promoverán desde CxG, entre elas, pular por máis e mellores recursos educativos dixitais ou a creación dun banco público de libros que garanta a gratuidade dos mesmos.

comentarios