CxG avoga por un novo modelo deportivo galego construído desde a base

Compromiso por Galicia realizou un encontro sectorial con representantes do deporte galego, aos que transmitiu a aposta desta formación por un novo modelo baseado nunha nova cultura deportiva
CxG

Compromiso por Galicia entende o deporte e a actividade física como unha aposta alén do aspecto meramente competitivo e conscientes de que no deportivo conflúen aspectos de saúde, lúdicos, formativos e de cooperación, entre outros. A formación mantivo onte un encontro sectorial nacional con representantes do deporte galego.A eles transmitiulles a aposta de CxG por "un novo modelo deportivo galego, que sexa equilibrado territorialmente, para todas as franxas de idade, sostíbel económicamente e que optimice as instalacións deportivas", manifestou Oscar Carballo, doutor en ciencias da actividade física e membro da formación liderada por Xoán Bascuas.

Da base á elite

Pili Neira, adestradora da selección galega de fútbol feminino, afirmou que Compromiso aposta "de maneira firme polo deporte galego, desde a base até a elite", e se ben destacou a laboura das federacións deportivas, avogou pola posta en marcha dun decreto que garanta unha maior democratización das mesmas.

Neira tamén centrou a súa intervención na necesidade de pular e apostar polo deporte feminino. "O deporte é un mundo tradicionalmente de homes. Por iso hai que dar apoio ao feminino, loitar por unha igualdade de oportunidades real" dixo.

Antítese do modelo de Feijóo e o PP

O candidato de Compromiso por Galicia á presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, lembrou que entre as primeiras medidas adoptadas por Feijóo ao chegar a Xunta estaban as dirixidas a "borrar calquer sinal de identidade do noso país, tamén no deporte", poñendo como exemplo a "liquidación" do equipo galego profesional de ciclismo.

Bascuas enfatizou que o modelo deportivo polo que avoga CxG é diferente ao impulsado pola Xunta de Feijóo. "Sen obviar o carácter competitivo do deporte, os esforzos centraranse no deporte base". O candidato á presidencia da Xunta tamén apuntou ao carácter transversal do deporte, pois aí coinciden desde aspectos de saúde até os de lecer, sociais ou cooperativos: de aí a necesidade dun proxecto completo e rigoroso para esta disciplina a todos os niveis. 

Comentarios