Compromiso por Galicia apostará polas municipais

A sede electoral de Compostela foi o centro de CxG até ben entrada a noite. Militantes e prensa seguiron desde a rúa Rosalía de Castro os resultados e ao remate Xoán Bascuas felicitou o PP e AGE, "os vencedores da noite" e confirmaron que se presentarán ás vindeiras municipais.
Valoración dos resultados de CxG

Tardaron en dar as valoracións e o ambiente non era de decepción. Poucos medios de comunicación e algo máis militancia que seguiu con espectación a xornada electoral galega desde o local de CxG na rúa Rosalía de Castro de Compostela. @s candidatos provinciais e toda a Executiva Nacional agardaron até última hora nun piso a carón mesmo da sede para dar a valoración dos resultados e só Sandra Araúxo compareceu ás 20:30 horas para "agradecer o traballo da militancia e o apoio d@s votantes".

A nosa campaña "foi a da sensatez e non a da agresividade e a virulencia"

Un televisor e un proxector dixital seguían as incidencias de reconto de votos e os aplausos chegaron cando apareceu o concello de Vilar de Santos, os mellores resultados de CxG. Ao longo da noite, e para animar aos presentes, repetiuse máis veces a escena protagonizada por este concello ourensán tamén con aplausos. As comparecencias do PSOE e o BNG foron as máis seguidas, agora xa con algún candidato presente, Xosé M. Pérez Bouza e Rafael Cuíña. Pasadas as dez da noite foi a valoración final con Bascuas á cabeza.

"As miñas primeiras palabras son para a militancia e a xente que nos votou". Xoán Bascuas, acompañado por membros da Executiva Nacional e candidat@s, compareceu para recoñecer os resultados e "felicitar a PP e AGE, os auténticos gañadores da xornada". Confirmou que CxG continuará "e non defraudará" polo que se presentarán como organización política nas vindeiras eleccións municipais.

Sobre os resultados e a campaña asegurou que "a nosa foi a da sensatez e non agresiva e virulenta" polo que cre que houbo poralización. Sinalou que "Galiza se parece cada vez máis ao espazo político galego" en referencia aos bos resultados de PP e AGE.

Comentarios