Compromiso oferta a Anova unha coalición electoral con escolla d@s candidat@s en primarias

O coordinador xeral de CxG, Xoán Bascuas, trasladou a oferta ao voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras. A coalición basearíase "na defensa do autogoberno, o estado de benestar e a democracia"

Compromiso por Galicia , a través do seu coordinador xeral, Xoán Bascuas, vén de manifestar a disposición a concorrer xunto con Anova  ás eleccións autonómicas do 21 de outubro, unha achega que, sinala, "á espera da ratificación do Consello Político Nacional" de CxG deste sábado. Para Bascuas, a coalición "a dúas bandas" debe ter como principais alicerces "a defensa do autogoberno, do estado de benestar e da democracia".

Bascuas lembra que dita oferta foi xa trasladada ao voceiro de Anova en días pasados, alén de sinalar que unha coalición "xenuinaente galega" tería tamén como un dos seus campos de traballo rexeitar que a crise sexa empregada como unha excusa "para a recentralización e a eliminación de servizos sociais".

Programa  "realista"

Desde CXG enténdese que esta coalición a "dúas bandas" tería que sustentarse en achegas e alternativas "contundentes e realistas" e acordes cos "tempos que vivimos". Nesta liña, algunha das propostas se centrarían en cuestións como "unha nova fiscalidade onde paguen máis os que máis teñen, a blindaxe da sanidade e da educación pública, a reordenación territorial e a reformulación do estado para recoñecer a plurinacionalidade.

Primarias

Bascuas tamén asume como "necesario" que tanto a persoa que sexa candidata á presidenza da Xunta por esta coalición, como aquelas que encabecen as listas das mesmas nas circunscricións provinciais deben de sair dunhas primarias abertas "ao conxunto da cidadanía".

Comentarios