Comeza a conta atrás para as alianzas electorais

Após a confirmación do calendario electoral, ábrese un período de tempo para o debate cara a posíbeis coalicións. As organizacións políticas teñen até o 7 de setembro para crearen alianzas electorais cara aos comicios do 21 de outubro.

Núñez Feijóo desvelou todas as incógnitas a pasada segunda feira e puxo a andar con maior celeridade a engranaxe electoral. O calendario que nos deparan estes próximos días presenta un curto espazo de tempo para o diálogo entre aquelas forzas políticas que quixesen concorrer ás eleccións nacionais de maneira conxunta. Mesmo o PSOE tivo que adiantar a elección do seu candidato e "aclamar" a Patxi Vázquez por falta de tempo para as máis que anunciadas primarias.

Pola súa banda, Anova Irmandade Nacionalista, abría de novo a porta a un posíbel acordo con Compromiso x Galicia --como aseguraba na súa conta de Twitter a Mocidade Irmandiña (@moc_irmandinha)--. Segundo as bases d@s irmandiñ@s, "coa confirmación da data electoral estanse abrindo liñas de debate para debater os posibles pactos entre CxG/ANOVA/EU".

Porén, Xoán Bascuas, un dos voceiros de CxG, refutaba nunha entrevista concedida ao diario español El País a idea de participar nunha "coalición de esquerdas anticapitalista" e aseguraba ter as portas abertas para todas as demais organizacións mais partindo da base de que "non esperamos por ninguén".

Malia todo, o calendario electoral exixe rapidez nas decisións, pois remata a vindeira sexta --7 de setembro-- o prazo para presentárense coalicións electorais. Neste sentido, ambas as dúas organizacións deicidirán esta fin de semana a modalidade que finalmente adoptarán para concorreren ás eleccións nacionais.
Dunha banda, as asembleas e a Coordinadora Nacional de Anova determinarán este domingo se finalmente se integran na Syriza galega ou se pola contra deciden apoiar outras forzas e mesmo presentárense en solitario.

Doutra banda CxG, xa anunciou que levará a cabo primarias abertas --aínda por deteminar o mecanismo que empregarán para desenvolvelas-- e vén de convocar o seu Consello nacional para o vindeiro sábado. Nel decidirase a fórmula pola que se elixirá a candidata ou candidato á Xunta ou mesmo se se acorda concorrer ás eleccións conxuntamente con outras forzas políticas, non integradas en Compromiso, nomeadamente Anova.

O tempo desvelará o abano político que finalmente concorrerá as eleccións nacionais galegas. Polo de agora, semella que todas as opcións fican abertas.

 

Comentarios