Cayo Lara chama o electorado galego a “non deixarse enganar pola propaganda do PP”

O coodenador xeral de Izquierda Unida participou nun mitin en Vigo para dar soporte á Alternativa Galega de Esquerda. Yolanda Díaz denunciou que “Feijóo destruíu 153.000 postos de traballo durante o seu mandato”. Este sábado noutro mitin de AGE, no concello de Teo, Beiras advertiu ao PP de que “non se pode traizoar o pobo sen consecuencias”.
Cayo Lara en Vigo
photo_camera Cayo Lara en Vigo


Poucos días despois da visita de Llamazares a Galiza, para a presentación do programa en materia de saúde de AGE, desta volta foi o coordinador xeral de Izquierda Unida, Cayo Lara, o que aterrou no noso país para dar soporte á candidatura da Alternativa Galega de Esquerda.

Lara participou nun mitin en Vigo canda Yolanda Díaz e Juan Fajardo, cabeza de lista por Pontevedra. O líder estatal de IU centrouse en defender a necesidade de “combater a fraude fiscal”, medida que segundo el sería suficiente para evitar un segundo rescate. Lara explicou que a fraude fiscal no estado atinxe máis de 90.000 millóns de euros e que malia a dimensión da cifra esta sería responsabilidade das principais empresas que representan apenas o 3% do tecido produtivo estatal.

“Feijóo destruíu 153.000 empregos” dixo Yolanda Díaz

Tras denunciar o incumprimento do programa electoral con que o PP accedeu ao goberno, o que na súa opinión constitúe unha “estafa á sociedade”, defendeu a necesidade dunha “esquerda honesta” fronte ás duras medidas de recorte que virían da man do rescate. Neste sentido, Lara chamou o electorado galego a “loitar polos seus dereitos” o vindeiro 21-O e a “non se deixar enganar” pola propaganda do PP.

“Feijóo é o presidente do engano” afirmou pola súa banda Yolanda Díaz. A candidata de AGE por A Coruña, denunciou as consecuencias sociais das políticas desenvolvidas polo PP nestes tres anos e medio botando man dunha cifra: “Feijóo destruíu 153.000 empregos”. Díaz tamén fixo referencia á situación do sector naval lamentando que Feijóo “sexa incapaz de acadar carga de traballo” mentres no resto de Europa seguen a construír barcos malia a crise. Asemade cargou contra a dependencia do candidato popular do seu xefe de filas en Madrid cualificando a Feijóo de “mando a distancia de Rajoy”.

Pola súa banda Juan Fajardo manifestou que “o Partido Popular vive fóra da realidade porque descoñece o sufrimento da cidadanía”. Neste sentido, fixo un chamado a tentar mobilizar as e os abstencionistas para se rebelaren contra un PP “que non sabe o que supón a suba do IVE nunha barra de pan”.

“A cidadanía precisa ver a Méndez no banco dos acusados”

Este sábado desde Teo nun dos principais actos da campaña, co alcalde Martiño Noriega como anfitrión denunciando que “a soberanía está en risco de extinción”, en Alternativa Galega de Esquerda afirmaron que a cidadanía quere un “goberno que non viaxe en jet con multimillonarios e quere ver a Méndez no banco dos acusados”, reclamando deste xeito que se depuren as responsabilidades dun dos máximos dirixentes das caixas galegas, hoxe bancarizadas.

Durante o acto Xosé Manuel Beiras chamou á “unión da maioría social na diversidade” para frear o Partido Popular. O cabeza de lista por A Coruña asegurou que “non se pode traizoar o pobo sen que haxa consecuencias”, exemplificando coa protesta de afectad@s polas preferentes ás portas do mitin do PP en Pontevedra. “Hoxe o Partido Popular soamente pode facer actos de campaña con seguridade e a porta pechada. O pobo non é imbecil.” sentenciou.

Comentarios