Carlos Callón: "Agora toca traballar na rúa porque facemos máis falta ca nunca"

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística valora de maneira negativa os resultados electorais pois entende que o "escenario que se abre agora é preocupante" perante os acontecementos desenvolvidos durante a pasada lexislatura.
Carlos Callón
photo_camera Carlos Callón

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística valora os resultados electorais, após o reconto do cen por cento do voto escrutado, como "negativos para a nosa existencia como pobo diferenciado", porén salienta que "gañar as eleccións" e revalorizar a maioría absoluta --como aconteceu co Partido Popular-- "non fai que as mentiras se convertan en verdade", apelando así á xestión do goberno 'popular' nestes tres anos e medio. Aliás, Callón asegura que o Partido Popular ten agora unha profunda "responsabilidade" que afrontar perante os compromisos aos que apelou ao longo da campaña electoral. Alberto Núñez Feijóo asegurou que se gañaba as eleccións Galiza iniciaría "a senda do crecemento", polo que durante os vindeiros catro anos deberá cumprir coas súas promesas electorais --malia que a súa traxectoria apunte a todo o contrario--.

 "Gañar as eleccións non fai que as mentiras se convertan en verdade"

Preguntámoslle ao presidente colectivo en defensa da lingua polo novo escenario que se abre após coñecérense os resultados electoria. "É un escenario preocupante", asegura Callón, pois "os camiños que se foron trazando até o de agora non levan a nada bon". Porén, di que agora fica agardar polas resolucións que emitan os tribunais a respecto da legalidade do decretazo e das valoracións que fagan públicas nas vindeiras semanas as institucións comunitarias sob a realidade lingüística galega, especialmente preocupante logo de se coñeceren os últimos datos, por exemplo, sobre o uso da lingua galega nas escolas públicas.
Así as cousas, Carlos Callón non perde a esperanza nin as gañas de loitar. "Agora toca traballar na rúa porque facemos máis falta cá nunca" e di, "hai que comezar mañá".

Comentarios