ENTREVISTA ENFRENTADA ENTRE IRIA ABOI E JAVIER DORADO

Cara a cara entre a mocidade do BNG e do PP

Perante as vindeiras eleccións o 21-O abordamos algunhas das principais problemáticas xuvenís  nunha entrevista enfrontada con dúas das persoas máis novas que concorren aos comicios. Iria Aboi, candidata polo BNG e secretaria xeral de Galiza Nova, e Javier Dorado, candidato polo PP e presidente de Novas Xeracións. Diferentes visións e distintas propostas para mellorar a realidade social, política, economómica e laboral de Galiza.
photo_camera Iria Aboi (BNG) e Javier Dorado (PP)

A reforma laboral, o desemprego xuvenil, a emigración, a eliminación de servizos sociais ... son algúns dos temas polos que preguntamos a Iria Aboi e Javier Dorado. 
 
  • Após tres anos e medio de lexislatura, atopamos un 45% de desemprego xuvenil. Que balanzo fan desta lexislatura para a mocidade?

Iria Aboi: Esta foi unha lexislatura desastrosa, en que atopamos unha situación dramática para a xente moza como amosan os indicadores onde se reflicte un récord histórico de desemprego. Mesmo a Unesco recoñece esta semana no seu informe que unha de cada catro persoas no Estado español se atopa por debaixo do limiar da pobreza. Alén disto, os recortes, a privatización e o desmantelamento de servizos públicos, déixanos unha lexislatura con menos oportunidades para a xente nova, unha involución democrática e menos dereitos. Esta claro que, é o peor goberno da historia do noso país e para a mocidade estes foron uns anos nefastos, en que non se prácticou ningunha medida atinxida ás nosas necesidades.

Javier Dorado: Cremos que o desemprego xuvenil é o maior problema que ten hoxe Galiza, é unha lacra desgraciadamente nestes tempos mais vivimos nun país que se chama España no cal un de cada dous rapaces non poden traballar. Noutras comunidades autónomas como é o caso de Andalucía onde están gobernando as esquerdas non son un de cada dous, senón que é algo máis, son seis de cada dez, o cal fai un balance aínda peor. Hoxe Galiza é certo que está mellor que o resto mais iso non nos ten que conformar, ao contrario. Porén, en desemprego xuvenil temos menos que a media nacional. Polo tanto, temos que traballar entre todos para arranxalo.

  • Atopámonos cunha realidade en que a xeración máis formada, emigra igual que o fixeron os seus avós por falta de oportunidades, cales son as súas propostas para rachar con esta 'fuga de cerebros'?

I.A. Nós temos claro que para saír desta crise económica temos que rachar coas políticas que nos levaron a ela. Hai que poñer Galiza a producir. Non é entendíbel que un país con tanta riqueza no noso mar, no agro, no noso monte, coa nosa capacidade enerxética, conserveira, naval ou téxtil, esteamos condenad@s pola inoperancia e incompetencia dun goberno galego que se dedicou a aplausar todas as políticas emanadas de Bruxelas e de Madrid, que nos impedían desenvolver os nosos sectores produtivos. Desde o BNG cremos que o foco debe estar no aproveitamento das nosas potencialidades, para iso, no noso programa electoral levamos propostas para desenvolver a capacidade produtiva galega como son unha banca pública que permita posuír unha ferramenta financeira con que axudar ás pequenas e medianas empresas, aos sectores máis afectados pola crise e tamén ás familias; un novo concerto económico con que recadar os nosos impostos en Galiza e destinalos ás nosas prioridades –como a xeración de emprego-- e tamén conseguir máis recursos a través dunha reforma fiscal con que pague máis quen máis ten.

Aboi: "Os recortes, a privatización e o desmantelamento de servizos públicos déixanos unha lexislatura con menos oportunidades para a xente nova, unha involución democrática e menos dereitos"

J.D. En primeiro lugar apostamos por dous eixos fundamentais para volver crear emprego no noso país. Por unha banda a aposta polo emprendemento e o autoemprego para o que Novas Xeracións propuxo ao PP –e este asumiu como propia-- facer unha dedución de 250 euros no IRPF para aqueles que aposten polo autoemprego. Ademáis facer uns premios para que os emprendedores exitosos teñan recoñecemento público e social. Tamén pularemos porque aqueles mozos que queiran traballar por conta allea teñan un centro laboral de asesoramento e orientación que lles axude a encontrar un mellor emprego. Doutra banda, canto á investigación apostamos pola excelencia, polo que os últimos fondos da Xunta foron destinados a evitar esa 'fuga de cerebros' que se está a producir pola falta de oportunidades. Por iso, temos a disposición dos galegos que están fóra investigando uns fondos que lles permita regresar.

  • A reforma laboral permite –entre outras cousas-- que unha persoa poida encadear contratos de formación até os trinta anos cun soldo inferior ao salario mínimo, que opinión lles merece esta nova norma? Que consecuencias ten para a mocidade?

I.A. O Partido Popular non defende nin os intereses da maioría da cidadanía, nin tampouco os das traballadoras e traballadores. Vímolo, por exemplo, cando non tiveron ningún reparo en recortar dereitos laborais. A precariedade máis extrema nas condicións de traballo responde ao modelo que persegue o PP dirixido a beneficiar as grandes empresas e os bancos. Desde Galiza Nova opuxémonos a estas políticas porque cremos que son un atentado contra ás posibilidades de emancipación e, en definitiva, hipoteca o futuro da xente nova empurrándonos a buscar saídas fóra do noso país. A reforma laboral, en definitiva, quere legalizar unha escravitude encuberta pois a norma permite que durante o primeiro ano de traballo unha persoa poida ser depedida sen motivos e sen ningún tipo de indemnización. No entanto, nós cremos que estas reformas deben ser analizadas no marco das demais normas como o adiamento dos anos de xubilación.

J.D. A primeira foi unha reforma laboral socialista. A de agora é ben diferente pois crea unha nova modalidade contractual co contrato para emprendedores que tivo xa máis de 50.000 beneficiados en toda España. Cando o Partido Popular chegou ao goberno [do Estado español] atopouse cun problema moi grave que eran máis de cinco millóns de parados e polo tanto entendeu que existía un problema. Nós entendemos que era a falta de flexibilidade do mercado laboral o que facía que as empresas deixasen de contratar e optasen polo despedimento automaticamente sen sequera pensar a opción de negociar un cambio nas condicións laborais dos empregados e por iso mudamos tamén a concepción que había do ERE facéndoa máis flexíbel. Polo tanto o goberno de España está a pór ferramentas importantes para xerar emprego, porén, este non é un traballo de dous días nin de dous meses, é un traballo difícil, complicado.

Dorado: "Nós entendimos que era a falta de flexibilidade do mercado laboral o que facía que as empresas deixasen de contratar"

  • Nestes anos de lexislatura os recortes afectaron de maneira notábel a servizos dirixidos á mocidade como os Centros de Asesoramento Afectivo-Sexual 'Quérote', ou o Noitebús... como valoran a súa desaparición?

I.A. Nós cremos que o Partido Popular está a usar a crise como excusa perfecta para liquidar dereitos sociais e nese sentido estes dous servizos son exemplo diso. A supresión dos centros 'Quérote' forma parte dunha estratexia ideolóxica encamiñada a eliminar todos aqueles avanzos en materia de benestar e igualdade para as mulleres, ao igual que o é o anuncio da (re)penalización do aborto. O PP non tolera que as mozas poidamos formarnos e decidir como desenvolver as nosas vidas, pola contra aproban leis como a da Red Madre ou a lei de Familia que procura volver a un rol en que as mulleres esteamos secundarizadas. Nós cremos que a este respecto estamos a vivir unha forte involución nos dereitos das mulleres e, obviamente, desde o BNG poremos en marcha políticas que nos permitan camiñar cara a unha igualdade real. Así mesmo, a supresión do Noitebús foi unha decisión cruel e neglixente do PP. O transporte nocturno era unha necesidade que viña demandando a mocidade desde tempo atrás polo que nós nos opuxemos á súa eliminación e mesmo presentamos máis de 15.000 sinaturas que exixían o seu mantemento.

Aboi: "A supresión do Noitebús foi unha decisión cruel e neglixente do PP"

J.D. Os centros 'Quérote' non desapareceron, ao contrario, hoxe teñen unha fórmula moito máis ampla que se chaman Centro Quérote máis, ofrecendo asesoramento en moitos máis ámbitos da vida como pode ser o académico ou o laboral. Por tanto teñen unha función moito máis beneficioso, ao noso parecer, para a mocidade. Canto ao Noitebús o que xa non hai son subvencións para que os autobuses leven a xente de festa. Eu creo que a mocidade entende que nun contexto como o actual de crise económica, cun 25% menos de orzamento para Galiza, temos que facer un esforzo para cumprir cos grandes dereitos sociais como o ensino ou a educación. Nesta situación todo o mundo pode entender que non se subvencionen autobuses para que os rapaces vaian de festa. A min persoalmente gustaríame, non que houbese autobuses, senón taxis se for preciso. Porén, non se pode facer máis co diñeiro que hai.

 Dorado: "Todo o mundo pode entender que non se subvencionen autobuses para que os rapaces vaian de festa"

  • A suba das taxas universitarias –que no caso galego se incrementaron para as segundas, terzas e sucesivas matrículas, foi criticada con dureza polo movemento estudantil. Como vedes a realidade actual no ensino?

I.A. O ensino a día de hoxe concentra a maioría das políticas de recortes promovidas polo PP. Neste sentido, cremos que se está a producir a liquidación do ensino como un servizo público, galego e de calidade e aos feitos nos remitimos. Por exemplo, as baixas do profesorado non se están a cubrir até tres semanas despois e isto, vai na diminución da calidade educativa. A maiores disto, a eliminación do programa Preescolar na Casa, a aprobación do decretazo que por vez primeira eliminaba o galego de materias como tecnoloxía ou física e química; a destrución dos libros de texto polo simple feito de estaren en galego... unha serie de medidas ás que agora lles queren poñer o corolario coa nova lei de educación que pretende legalizar a segregación por sexos e elitizar o ensino. Nós cremos que esta nova lei é unha volta ao franquismo e sumado aos recortes vai facer do ensino galego máis clasista e máis españolizado. Por iso, sairemos á rúa para amosar o noso rexeitamento a estas políticas nunha nova folga.

J.D. Eu quixera matizar que o PP tivo claro desde o primeiro momento que non ía facer pagar aos estudantes a crise e por iso non subiu as taxas universitarias en primeira matrícula, efectivamente como vostede dicía subíronse as taxas universitarias a partir da segunda matrícula. Mais o goberno da Xunta de Galicia quere garantir que os estudantes poidan estudar en igualdade de oportunidades con independenza da súa renda, porén, a partir da segunda matrícula hai que ser conscientes que o aporte da familia do estudante ten que medrar para incentivar o seu esforzo. Obviamente temos que premiar a aquel estudante que se esforza por aprobar todas as materias e non a aqueloutro que xa vai pola cuarta matrícula. Aí consideramos que a Xunta e o conxunto dos galegos xa fixeron un grande esforzo por ese alumno e que este ten que responder de maneira exitosa.

Comentarios