Caamaño, Besteiro e Blanco posíbeis candidatos para sucederen a Pachi Vázquez

Sucéndese as voces internas que reclaman que se anticipe o congreso. Francisco Caamaño oponse a que Pachi Vázquez sexa o portavoz parlamentar. Caamaño e Besteiro deixan entrever a súa disposición para optaren ao liderado do PSdeG-PSOE. As quinielas internas sinalan tamén o nome de José Blanco como posíbel sucesor de Vázquez.
Pachi Vázquez e Francisco Caamaño
photo_camera Pachi Vázquez e Francisco Caamaño

As reaccións internas no seo do PsdeG-PSOE sucédense tras os malos resultados recollidos pola formación nos comicios autonómicos deste domingo. O touriñismo, isto é o sector de xente próxima ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, vai radicalizando as súas posicións conforme pasan as horas e os días tras a cita electoral. Asemade, comezan a sej situar nomes na quiniela de posíbeis sucesores de Vázquez, entre os que salientan Caamaño, Besteiro e Blanco.

Ao ex-portavoz parlamentar Ismael Rego, quen cargou con dureza contra o aínda secretario xeral d@s socialistas galeg@s pedindo a súa dimisión, vén de se sumar a voz da ex-conselleira María José Caride, quen criticou a decisión de adiar o Congreso a 2013 --adoptada por unanimidade na dirección do PSdeG-- reclamando que o cónclave socialista debe “realizarse xa”. Pablo López Vidal e outras referencias do partido en Ourense pronunciáronse tamén en termos semellantes.

Asemade, alén das críticas e da petición de celeridade no proceso congresual en que previsibelmente será relevado Pachi Vázquez, comezan tamén a xurdir nomes para a sucesión. O principal é o do ex-ministro Francisco Caamaño, secretario xeral do PSOE na provincia da Coruña que vén de ser elixido deputado no Parlamento Galego.

Caamaño xa anunciou que renunciará ao se escano no Congreso dos Deputados en Madrid para se centrar na política galega. Na súa intervención durante unha comparecencia pública para valorar os resultados, que cualificou de “derrota sen paliativos”, Caamaño deslizou varias mensaxes que indicarían a súa disposición para pilotar o PSdeG-PSOE tras a saída de Vázquez. “O meu compromiso cos socialistas galegos é real e creo que podo achegar algo para construír e fraguar unha opción socialista desde e para Galicia” dixo.

En opinión de Francisco Caamaño a renovación debe ser organizativa, de liderado e de ideas, reivindicando neste último punto o regreso a coordenadas “claramente de esquerda”. Asemade, o líder do socialismo coruñés manifestou a súa oposición a que Pachi Vázquez sexa o portavoz do grupo parlamentar alegando que o seu electorado “dificilmente o entendería”. Aliás, tamén afirmou que o actual secretario xeral debe actuar con neutralidade, como “árbitro”, do proceso que resta até o Congreso.

Outro dos nomes que poderían optar a suceder a Vázquez é o de José Ramón Gómez Besteiro. O presidente da Deputación de Lugo, moi próximo ao presidente do PSdeG e alcalde da cidade de Lugo, José López Orozco, asegurou estar “disposto a colaborar en todo este proceso onde se requira e sexa necesario”, aínda que chamou a non anticipar o debate sucesorio.

Mais sen dúbida un nome seguro en todas as quinielas internas é o do ex-ministro José Blanco. Blanco xa tentou disputar a secretaria xeral a Pachi Vázquez no último congreso apoiando --con prudencia e certa discreción-- a Elena Espinosa, quen finalmente sairía derrotada. O ex-ministro tivo un salientábel papel na campaña electoral que deixou en evidencia a súa vontade de se centrar na política autonómica. Con todo, a súa eventual pretensión de aspirar á secretaría xeral podería verse dificultada polo caso Campeón, causa xudicial en que aínda está imputado.

Comentarios