BNG, PP e PSOE achegan posturas para o(s) debate(s)

As tres forzas políticas con representación parlamentar reuníronse a pasada terza para debateren as condicións dun posíbel debate electoral. Após unha primeira toma de contacto, @s representantes das formacións acordaron continuar coa xuntanza esta cuarta.

Haberá debate(s)? Esta é a principal incógnita da campaña electoral. Malia semellar --ademais de democrático-- case de oficio que as forzas políticas confronten posicións perante a cidadanía galega, a respecto das cuestións que lles afectan, o actual marco normativo non estabelece o imperativo de que se realicen. Así pois, nesta primeira xuntanza entre @s directora/es de campaña, BNG, PP e PSOE defenderon cadansúa proposta.

Todo apunta cara ao debate a dúas bandas

Feijóo quere evitar un debate a tres cos candidatos do BNG e o PSOE

Entrementres o director da campaña do PP, Alfonso Rueda, mantivo a súa posición inicial dun modelo de debate a dúas bandas, o BNG manifestouse con firmeza a prol da celebración dun debate a tres. Segundo @s nacionalistas, a súa proposta encamíñase a defender o dereito democrático da cidadanía. No entanto, desde a organización frontista aseguran que a súa proposta non procura pór en risco a celebración do debate, polo que estudarán outras modalidades de non chegaren a un acordo coas demais forzas políticas.

Os temores do candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, poderían non cumprirse se finalmente o seu director de campaña mantén a negativa de participar nun debate a tres bandas. Desde o anuncio do adianto electoral, o aínda presidente da Xunta de Galiza, amosouse contrario a ter un cara a cara cos candidatos á presidencia do executivo galego do BNG e PSOE.

Porén, haberá que agardar a unha segunda xuntanza para coñecer a fórmula final con que se desenvolverá(n) o(s) debate(s).

O BNG garantirá "por lei" os debates

Segundo @s nacionalistas, os debates electorais son unha parte fundamental do bo exercicio da democracia e critican con dureza o “triste e pouco democrático” que está a ser a posición do Partido Popular. Neste sentido, a fronte nacionalista, anunciou que incluirá no seu programa electoral, a reforma da lei vixente á fin de que se incorpore unha disposición específica en que se estabeleza, como norma, a celebración de debates entre as distintas forzas políticas con representación parlamentar, impedindo, deste xeito, que ningún grupo político os poida vetar ou mesmo, condicionar.

Comentarios