As eleccións, o 21 de outubro

É "a data máis acaída en termos económicos", segundo valorou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello extraordinario da Xunta celebrado esta segunda feira e en que se aprobou o decreto que disolverá o Parlamento 54 días antes dos comicios, cumprindo deste xeito co disposto na lei electoral

Finalmente, rachou o silencio. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de confirmar que Galiza seguirá a decisión de Euskadi, após facer cadrar as eleccións coas vascas o 21 de outubro, "a data máis acaída en termos económicos", segundo anunciou na rolda de prensa posterior ao Consello extraordinario da Xunta celebrado esta segunda feira. Era o primeiro paso cara ao adianto en cumprimento coa lei electoral, que fixa un prazo de 54 días para disolver o Parlamento antes dos comicios. No Consello aprobouse o decreto para disolvelo.

Será esta a segunda vez en que os comicios nacionais galegos e vascos se celebren na mesma data, como acontecou en 2009. De feito, Feijóo recoñeceu na súa comparecencia que a decisión do lehendakari Patxi López foi a que motivou que tampouco na Galiza se agarde a marzo, cando se esgotaría a lexislatura, e dixo que a decisión foi tomada "coa mesma responsabilidade" con que goberna Galiza desde o 1 de marzo de hai tres anos. O que non recoñeceu Feijóo foi seguir os imperativos do presidente español, Mariano Rajoy. Dixo que en Madrid aceptaron a decisión tomada, mais que nada tivo a ver Rajoy nela. A oposición discrepa: acusa o mandatario autonómico de fixar a data ao ditado de Rajoy, que atrasaría o anuncio de novos recortes á cita coas urnas que teñen galeg@s e vasc@s, e cuxa campaña electoral arrincará o vindeiro 5 de outubro, quince días antes.

"Esta data é a que brinda a maior estabilidade para Galiza, autonomamente e como parte do estado", afirmou Feijóo, apuntando tres razóns: a "necesaria planificación económica" que exixe un momento "de extraordinaria dificultade" como o que estamos a vivir hoxe en día, para que o futuro presidente da Galiza poida desenvolver as contas do ano 2013 desde o minuto cero do seu mandato, sen que a convocatoria electoral cadre semanas despois de seren estas aprobadas. O segundo argumento do presidente galego foi "o respecto aos cidadáns" e a procura "dun maior entendemento" entre as forzas políticas galegas. E o derradeiro, a decisión de Patxi López.

Carga contra a oposición por non querer reducir o Parlamento...
Así as cousas, e seguindo consellos ouvidos dentro do propio PP, o político dos Peares decidiu desistir das súas intencións de dar unha dentallada á democracia reducindo o número de deputad@s no Parlamento galego e crear para a formación conservadora o escenario soñado. O Estatuto fixa un abano entre 60 e 80 escanos, polo que abondaría cunha modificación na lei electoral para rebaixar o número actual, 75, até o mínimo permitido ao abeiro desta norma, 61 --o número impar máis baixo--. Cos resultados de 2009, nun Parlamento de 61 deputad@s, Feijóo tería 32 --dos 38 actuais sobre 75--. Aínda así, na rolda de prensa, aproveitou Feijóo para sinalar que o obxectivo de tal medida era "reducir os custos que supón o Parlamento en impostos dos cidadáns", e arremeteu contra BNG e PSOE por se oporen, unha actitude que cualificou de "improdutiva e de desunión".

...e presume da creación de emprego
Mais finalmente as peticións de "xogo limpo" e dunhas eleccións "sen fraude" que chegaron desde as filas das outras dúas forzas con representación parlamentar, BNG e PSOE, saíron adiante. "Desde Galiza e para España", falou de lealdade ao estado e dixo que era o noso o territorio "máis estábel" desde un punto de vista económico. Prometeu presentar os orzamentos cando se coñezan os resultados electorais e, aínda sabendo que, con case 265 mil persoas en situación de desemprego tomando as cifras de xullo e que durante os tres anos e medio que leva á fronte da Xunta rexistráronse as taxas de desemprego máis altas dos últimos anos, para alén dos recortes aos que someteu dous dereitos fundamentais como son a saúde e o ensino, o mandatario presumiu de crear emprego público "nos servizos sociais, na educación pública e a construción de novos hospitais".

Comentarios