BNG e Galiza Nova chaman a mocidade a se revolver contra un PP que a condena a desemprego e emigración

Un grupo de moz@s, portando maletas, peregrinou en Compostela desde unha oficina de empego até a estación de tren para evidenciar as únicas opcións que Núñez Feijóo ofrece á mocidade: desemprego e mais emigración. A candidata do BNG, Ana Pontón, fixo un apelo á xuventude a empregar o voto o 21-O para reverter este escenario.
acto GN

Convocadas e convocados por Galiza Nova, mozos e mozas concentráronse esta segunda en Compostela perante unha oficina de emprego para despois desprazárense, maleta en man, até a estación de tren. Unha imaxe clarificadora, sinalan desde a organización da mocidade nacionalista, do que o goberno do PP na Xunta ofrece ás persoas máis novas: desemprego e emigración. 

No acto estiveron presentes o voceiro do BNG en Compostela, Rubén Cela, e a candidata número 2 da fronte nacionalista pola Coruña, Ana Pontón. Pontón lembrou que estes tres anos e medio de lexislatura de Feijóo foron "un trienio negro para a mocidade galega". Un mandato, denunciou a deputada nacionalista, en que o desemprego xuvenil se disparou, alén de protagonizar recortes en bolsas para estudantes ou aumento do prezo das matrículas, entre outras medidas lesivas para @s moz@s.

Todo isto implica, proseguiu Pontón, que para unha parte considerábel da mocidade as saídas que lles quedan é o desemprego e a emigración."Nestes tres anos e medio de mandato de Feijóo foron pola volta de 60.000 @s moz@s que tiveron que deixar Galiza", sinalou a nacionalista. "E ningún país, e menos o noso, pode permitirse o luxo de que a súa mocidade emigre".

Facerlles fronte

Perante este panorama, Pontón chamou os mozos e mozas a non se conformaren e a lle "facer fronte a Feijóo e Rajoy", e a mellor garantía para reverter o estado actual das cousas é optar o 21-O pola papeleta do BNG.

"Apostar polo BNG é defender un cambio con respecto ás políticas actuais, por un compromiso real polo emprego de calidade", afirmou Ana Pontón. Nesta mesma liña, enfatizou que a prioridade para o BNG será crear emprego, con especial atención á mocidade, "para evitar que a xente teña que seguir marchando".

Comentarios