BNG cualifica o decreto de Rajoy sobre as preferentes de "expropiación de pequen@s aforrador@s"

O voceiro nacional, Guillerme Vázquez, incide en que con ese decreto Feijóo e o PP "toman partido polos estafadores" e non "polos estafados"

"Feijóo, Rajoy e o PP toman partido polos estafadores" e non polas e polos estafados. Así de contundente se manifestou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ao se referir ao decreto aprobado a sexta pasada polo goberno de Mariano Rajoy sobre as preferentes e subordinadas. Para Guillerme Vázquez é "un decreto de expropiación dos depósitos dos pequenos aforradores", lembrando que hai perto de 100.000 galegas e galegos que están afectados por este "corralito".

 "Estamos máis unha vez perante o principio de saquear o pobo para salvar a banca".

Vázquez, que copareceu perante os medios após a xuntanza da Executiva nacional do BNG, sinalou que Feijóo tería que estar a "presionar políticamente" a Madrid para que o goberno do PP resolvese este asunto de forma que se restituise a totalidade dos depósitos ás e aos afectados. Mais non o está a facer. "Estamos máis unha vez perante o principio de saquear o pobo para salvar a banca".

Para o BNG, o que acontece coas preferentes é un exemplo dos comportamentos polos que terán que optar as e os galegos o 21 de outubro: ou apostan por unha formación que estea "ao lado dos poderosos", en referencia ao PP, ou ben fano "pola que defende as maiorías sociais e os dereitos da Galiza", en alusión ao Bloque Nacionalista Galego.

A mentira, eixo da campaña do PP

Vázquez tamén afirmou que nesta pasada fin de semana, coa intervención de Rajoy en Soutomaior no acto que inicia o curso político do PP, demostrouse que este partido "volve facer da mentira o eixo da súa campaña". Unha referencia ás promesas electorais sobre o AVE feitas polo presidente español e que para o voceiro do BNG, "son un insulto á intelixencia".

Conflito do leite

E xa por último, na súa comparecencia Vázquez tamén fixo alusión ao baixo prezo do leite galego, denunciando a falla de vontade dos gobernos español e galego para axudar @s produtor@s. 

Comentarios