Beiras chama o BNG, CxG e IU a unha alianza contra o PP

A coordinadora nacional de Anova reunirase este domingo, onde terá coñecemento das opinións sobre alianzas electorais das súas asembleas comarcais
Foto: @terevilas
photo_camera Foto: @terevilas

O voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, vén de avogar nunha comparecencia pública por conformar unha alianza estratéxica fronte ao PP de cara ás eleccións do 21O, apelando neste sentido ao BNG, Compromiso por Galicia e IU. A proposta de Beiras prodúcese horas despois de que CxG tendese a man a Anova para conformar unha alianza electoral en que o candidato á Xunta sería elexido en primarias abertas á cidadanía.

"A proposta de Anova está aberta a todas as redes de movementos sociais, a organizacións e grupos políticos organizados, desde Compromiso por Galicia até Esquerda Unida, incluíndo o propio BNG, non temos reparos", sinalou Beiras, aínda que recoñeceu que con esta última formación non tivera contactos. Porén, para Beiras o máis importante agora é erguer unha alternativa "todos contra o PP".

Asembleas

Desde esta quinta e até o sábado 1 de semtebro, as asembleas comarcais de Anova debatirá e tomarán unha decisión sobre o formato con que concurrirán á cita coas urnas, quer en solitario, quer conformando unha alianza máis ampla. Neste sentido, sobre a mesa non está só a posibilidade de ir con CxG, senón tamén con IU, coa cal unha parte de Anova (a FPG) xa tivo contactos.

 Para Beiras, as eleccións do 21 de outubro non se van desenvolver nun "escenario normal" pois estamos, afirma, nunha situación de "emerxencia nacional". 

Comentarios