Bascuas escoita en Arzúa as demandas das produtoras de queixo

O candidato á Xunta de CxG visitou esta localidade para facer un reparto informativo enmarcado na campaña electoral de cara ao 21-O, onde constatou que a poboación ''quere un cambio'' que quite o PP do goberno da Galiza, mais recoñeceu que ''non saben moi ben cara a onde''

Xoan Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia á presidencia da Xunta, continuou esta segunda feira co calendario de repartos informativos que fan parte da campaña electoral de cara ao 21 de outubro. Desta volta, Bascuas visitou a feira de Arzúa, onde aproveitou para "intercambiar impresións" coa cidadanía, nomeadamente con pequenas e medianas empresarias, mulleres na súa maioría ao seren elas as que sosteñen o tecido produtivo xurdido ao redor do queixo.

"O principal problema que transladaron foi a baixada dos prezos e a caída da demanda", sinalou o candidato de CxG en declaracións a este xornal, quen remarcou a "clara vontade" dunha mudanza no actual goberno da Xunta, en mans do PP, se ben constatou que "non saben moi ben cara a onde". O acto contou esta vez cun escenario máis sobrio do habitual, ao non poder quitar á rúa, por mor da chuvia, os bocadillos de cartón en que a formación política foi anotando as súas promesas electorais.

"A poboación é moi consciente de que os recortes non son para todos", subliñou Bascuas. Coas empresarias arzuanas --e coa cidadanía en xeral-- comentou iniciativas que se recollen no programa electoral de CxG. En concreto, falaron do Plan activa para mulleres emprendedoras, "que encaixa perfectamente co perfil"; o reequilibrio da Galiza interior, "que non é só Lugo e Ourense"; e a posta en valor do sector primario, recoñecendo que en Arzúa "souberon sacar partido" da produción de queixo e de mel, mais "quedan aínda outros sectores produtivos por explotar". En derradeiro lugar, Bascuas citou tamén medidas para fomentar o autoemprego entre a xuventude, baixo o compromiso de financiar con 6 mil euros as empresas da mocidade emprendedora.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Eleccions2012
comentarios