Baixo o mandato de Feijóo desapareceron máis de 6.700 pequenas e medianas empresas

En 2009, no retorno do PP á Xunta, había na Galiza 201.300 empresas. Tres anos e medio despois hai 194.500. A destrución de empresas superou a media estatal.
Polígono da Grela
photo_camera Polígono da Grela

Máis de 6.700 pequenas e medianas empresas disolvéronse na Galiza entre 2009 e 2012. O mandato do PP de Núñez Feijóo, que sempre fixo do tecido empresarial a base do seu discurso para crear emprego, supuxo a maior destrución de sociedades da historia da Galiza. A un ritmo de cinco por día. A crise é responsábel, si, mais a liquidación de empresas no país foi a un ritmo moi superior ao estatal.

Xa o Consello Económico e Social alertaba en 2010 que na Galiza se disolvían 33 empresas por cada 100 sociedades constituídas. “É unha cifra alarmante. Son medianas e, sobre todo, pequenas empresas. O tecido que representa o sostén da economía real e produtiva, máxime nun lugar como este, con tanta dispersión. Que desaparezan as pequenas empresas e negocios en pequenas localidades supón un golpe mortal para esas vilas”. Quen así fala é Tomás Suárez, que vén de ter que botar o peche nun negocio familiar tras catro décadas en activo nunha localidade da comarca do Sar.

Sen luz no túnel

Un total de 1.449 empresas disvolvéronse na Galiza entre xaneiro e setembro de 2012, segundo os datos da consultora D&G. Isto supón un incremento do 26 por cento no número de firmas que pasaron por este proceso, entrementres a media a nivel de Estado español está no 17%, case dez puntos menos. Comercio, construción e inmobiliarias foron os sectores en que máis empresas desapareceron nestes últimos meses. Eidos onde a crise económica bate con especial intensidade. 

Nestes nove meses os concursos de acredores que se presentaron en Galiza foron 385, o que supón un incremento do 49% en relación ao mesmo período de 2011, 20 puntos máis que a media do Estado español, onde o aumento foi do 28%.

O número de empresas que se declararon en quebra na Galiza durante o primeiro trimestre de 2012 foi de 138, segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Destas, as relacionadas coa industria (33) e construción (39, das cales 23 se centraban na edificación e promoción inmobiliaria) son as máis numerosas entre as insolventes. Tamén destacan as 23 clasificadas como “comercio por xunto”. No outro extremo sitúanse sectores como agricultura e pesca.

Comentarios