Aymerich, Tereixa Paz e Cosme Pombo encabezarán canda Jorquera as candidaturas provinciais do BNG

Esta fin de semana o Consello nacional ratificará as candidaturas, paritarias en xénero e marcadas pola forte presenza municipal, de movementos sociais e o sindicalismo.

O proceso de designación das candidaturas do Bloque Nacionalista Galego aos comicios do vindeiro 21 de outubro está a piques de finalizar. Concluirá coa ratificación do Consello nacional que terá lugar previsibelmente esta fin de semana, despois da celebración de asembleas comarcais onde se someteu a votación de toda a militancia a proposta de candidaturas, que a Executiva nacional elaborou recollendo os nomes achegados previamente polas mesmas asembleas.

A respecto das candidaturas provinciais, alén de que a da Coruña será encabezada por Francisco Jorquera Caselas, en tanto que candidato á Presidencia da Xunta, xa se coñecen os nomes das restantes cabezas. @s xa deputad@s Carlos Aymerich e Tereixa Paz serán os números un da candidatura nacionalista por Pontevedra e Ourense, respectivamente. Cosme Pombo seráo por Lugo.

A elaboración das candidaturas decorreu sen sobresaltos e nun ton marcado por amplos consensos. Así mesmo, estas reflicten a pluralidade da fronte nacionalista, síntoma claro da actual cohesión interna da fronte.

Forte presenza municipal, dos movementos sociais e sindicalismo

A presenza de representantes municipais é moi significativa, sendo elevado o número de portavoces municipais e concelleir@s --as alcaldías son incompatíbeis-- que integran as candidaturas. Doutra banda é destacábel a forte presenza de persoas ligadas aos movementos sociais e ao sindicalismo nacionalista. Deste xeito incorpóranse na candidatura referencias aos principais procesos mobilizadores (servizos públicos, normalización lingüística, transporte ou ambientalismo) e a loita sindical, en coherencia coa actuación desenvolvida polo BNG de clara implicación nestes.

Paridade de xénero

Na proposta de candidaturas, elaboradas en base ao formato cremalleira (con que se garante que ambos os dous xéneros vaian intercalados), respectouse o principio de paridade de xénero. En todas as provincia hai máis dun 45% de candidatas, agás en Ourense --a candidatura máis reducida-- cun 43%. No caso de Pontevedra a paridade é completa habendo igual número de candidatas e candidatos.

Exceptuando o candidato á presidencia da Xunta, cabeza por Coruña, hai tantas mulleres como homes nos postos de cabeza. Con todo, a fronte nacionalista garantiu unha maior presenza de candidatas nos tramos de saída cuxo número un recaeu nun home. Así os segundos e terceiros postos da Coruña, Pontevedra e Lugo serán ocupados por mulleres.

Referentes de peso pechando as candidaturas

O BNG apostou por referencias de peso para os peches das súas candidaturas, unha posición de gran simbolismo. Así, os últimos postos da candidatura da Coruña estarán ocupados pola xornalista Tereixa Navaza e o histórico dirixente nacionalista, Camilo Nogueira.

Bieito Lobeira, un dos deputados máis activos e valorados, e o máis veterano (desde 1995), do actual grupo parlamentar, pechará a candidatura de Pontevedra, dado que xa cumpriu o período máximo que se permite no BNG (tres lexislaturas, desde que se aprobara a restrición).

Alfredo Suárez Canal fará o propio por Ourense, poñendo fin a unha dilatada bagaxe parlamentar, que enceta en 1993 --logo de ser concelleiro en Allariz-- e apenas interrompida na etapa en que foi conselleiro de Medio Rural no goberno bipartito. Suárez Canal abandona a primeira liña da política institucional galega por vontade propia, convertido pola súa traxectoria nunha referencia do nacionalismo galego en que milita desde moi novo.

O tenente de alcalde de Lugo, Antón Bao, será o encargado de pechar a candidatura da súa provincia.

Asemade, xunto a Lobeira e Suárez Canal, tampouco optarán a revalidar escano Carme da Silva (Pontevedra), Manuel Parga (Lugo) e Henrique Vieitez (Vigo).

A Coruña

Os dez primeiros postos da candidatura por Coruña complétana a actual portavoz do grupo parlamentar, Ana Pontón, a viceportavoz, Ana Luísa Bouza, o deputado Fernando Branco, Belén Lendoiro (concelleira en Carballo), Dores Torrado (concelleira en Boiro), Xoán Xesús Carril (responsábel local de Arzúa), Ánxela Franco (portavoz municipal en Porto do Son e responsábel comarcal de Muros-Noia), Manuel Polo (concelleiro en Fene), Modesto Fraga (responsábel comarcal da Costa da Morte e portavoz municipal en Fisterra).

Pontevedra

A deputada Carme Adán (Vigo) e a Secretaria de Organización do BNG, Montse Prado, acompañarán a Aymerich na candidatura por Pontevedra no segundo e terceiro posto. Xunto a elas, Luís Bará (concelleiro en Pontevedra), Daniel Rodas (concelleiro en Moaña), Marta Dacosta (sindicalista, Gondomar), Pedro Pereira (responsábel comarcal do Condado), Mar Vila (portavoz municipal en Dozón e integrante da plataforma contra a incineradora do Irixo), Xosé Manuel Méndez (responsábel comarcal do Baixo Miño) e a morracense Iria Aboi, actual Secretaria xeral de Galiza Nova, organización xuvenil do Bloque.

Ourense

O profesor universitario Xosé Manuel Cid e a responsábel comarcal Allariz-A Limia, irá tras Tereixa Paz. Por Ourense integran tamén a candidatura nacionalista Xosé Rodríguez (Cartelle, membro do Consello comarcal), Iolanda Rodríguez (O Ribeiro, mestra), Secundino Fernández (portavoz municipal de Viana do Bolo), Xaquín Pérez (portavoz municipal na Rúa), Belén Martínez (sindicalista de Ourense), Ramiro Rodríguez (portavoz municipal en Xinzo da Limia) e Xosé Dobarro (O Carballiño, médico).

Lugo

Por Lugo continuará a deputada Isabel Sánchez (Monforte) no segundo posto na listaxe. O número tres recaerá en Ana Ermida, portavoz municipal en Barreiros e militante de Galiza Nova, seguida dos sindicalistas Antonio Niño (Lugo) e Xosé Paleo (Foz), Inés Novo (concelleira en Vilalba), Francisco Villanueva (Lugo), Cristina Ferreiro (integrante da Plataforma SOS Sanidade Pública), Xabier Campos (concelleiro en Ribadeo) e Mar Pérez (profesora da USC).

Comentarios