Aymerich e Adán comprométense contra a “precariedade laboral” por mor da privatización de Renfe e Adif

O candidato e maila candidata do BNG por Pontevedra mantiveron esta mañá un encontro cos comités de empresa de ambas compañías, no que tamén estivo presente a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila. @s nacionalistas demandan o tren de proximidade para Galiza e propoñen unha “compañía ferroviaria galega”
Xuntanza do BNG cos comités de empresa de Renfe e Adif
photo_camera Xuntanza do BNG cos comités de Renfe e Adif

Nun encontro celebrado esta mañá en Vigo cos comités de empresa de Renfe e Adif, no que participaron os candidatos nacionalistas Carlos Aymerich e Carme Adán, xunto a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, o BNG alertou da precarización das condicións de traballo en ambas empresas logo de seren privatizadas. Neste senso, Davila transmitiulles á representación das e dos traballadores ferroviarios o seu compromiso de seguir a defender en Madrid a reversión do proceso privatizador así como o “mantemento dunhas condicións laborais dignas”.

“Estamos totalmente en contra destas medidas que o PP chama de liberalización dos servizos públicos e de dividir as as empresas públicas para vender parte rendíbel” dixo Aymerich, que acrecentou que os nacionalistas defenden un servizo público ferroviario “comprometido con este país”, esixindo que non se eliminen servizos baixo a escusa de “non seren rendíbeis”.

A número dous da candidatura nacionalista, Carme Adán , explicou as liñas mestras da propostas do BNG en materia de transporte. “Defendemos que se aposte polo transporte público colectivo, potenciando o uso do tren para viaxeiros mais tamén para mercadorías” sinalou, propoñendo a tal fin a “elaboración dun plan integral de mobilidade sustentábel”.

Nin rastro do tren de proximidade para Galiza

Asemade, Olaia Fernández Davila denunciou que nos orzamentos xerais do Estado, que veñen de ser aprobados polo goberno español, non se recolle ningunha partida para o tren de proximidade. Tampouco se concreta ningunha medida ao respecto no plano de infraestruturas.

Precisamente este é un dos puntos chave do programa do BNG, no que se recolle a posta en marcha de servizos de proximidade “que comuniquen as cidades e vilas dos distintos itinerarios”. Aliás, a fronte nacionalista oponse “firmemente” á eliminación de servizos xa existentes.

A prol dunha compañía ferroviaria galega

Outra das medidas que defenden é dotar a Galiza dunha compañía ferroviaria de seu, que se faría cargo dos servizos ferroviarios no territorio galego “comezando polos que corren maior risco de seren abandonados polo goberno central”, como o FEVE, para o que demandan o traspaso das competencias necesarias.

Comentarios