As derradeiras sondaxes apuntan a unha maioría do PP nunhas eleccións aínda abertas

As enquisas electorais publicadas até o de agora amosan resultados ben distintos, porén a súa metodoloxía tamén difire.

A falta dunha semana para os comicios, os xornais publican as súas enquisas electorais. Xunto co do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), son dous os principais inquéritos que procuraron ao longo destas ultimas semanas botar luz sob os posíbeis resultados das eleccións galegas que se celebrarán o vindeiro 21 de outubro.

Nin a mostra nin os hipotéticos resultados coinciden nas dúas maiores enquisas realizadas na Galiza. Entrementres o CIS elaboraba 4000 inquéritos –mil por circunscrición electoral—un dos xornais con maior tirada no país, Faro de Vigo, reducía o número de persoas enquisada a mil cincocentas.
Porén, as desviacións entre uns e outros reflicten unhas eleccións aínda por decidir, malia que o CIS nos achegue unha descrición máis ampla debido á amplitude da mostra e a diversidade das preguntas.

Os inquéritos publicados amosan unha importante desviación nos resultados

Dúas enquisas, distinto resultado

O último dos inquéritos, publicado por Faro de Vigo, asegura que o Partido Popular podería renovar a súa maioría absoluta –nunha forquita que oscilaría entre os 37 e 41 escanos--, mais por unha marxe moito máis ampla da que o CIS aseguraba no seu barómetro –38 e perdendo votos--, aliás no barómetro de setembro @s galeg@s suspendían a xestión de Feijóo e consideraban as políticas desenvolvidas polo seu homólogo en Madrid, prexudiciais para os intereses de Galiza.

Cabe sinalar que o CIS recoñecía, asemade, que un 37% da poboación declaraba non ter decidido a quen outorgaría o seu apoio o 21-O. No entanto, a enquisa feita pública este domingo por Faro contempla unha porcentaxe de abstención do 10,8% e un nivel de indecisión de 15,7 puntos. Neste senso, o PSdeG-PSOE reduciría a 22-24 o número de parlamentares e o BNG ficaría con 10 d@s 12 deputad@s que posúe actualmente no Parlamento galego. Pola contra, o CIS albiscaba un horizonte mellor para @s nacionalistas, que mesmo poderían aumentar o número de representantes a 13. 

Tamén así, ambos os dous inquéritos difiren no grao de coñecemento que o electorado ten dos candidatos. Significativo é o caso do candidato do BNG, xa que a enquisa do Faro determina que só o 35% do electorado coñece a Francisco Jorquera entrementres o CIS eleva a porcentaxe até 80% de recoñecemento  --o que dá conta da desviación exercida pola mostra nos propios resultados.

No barómetro do CIS @s galeg@s suspendían a xestión de Feijóo

Aliás, a enquisa de Faro recolle a entrada de Alternativa Galega de Esquerda (Anova+EU), que segundo os resultados podería conseguir 4 deputad@s. Porén, o barómetro publicado hai unhas semanas polo CIS, outorgaba á coalición encabezaba por Beiras, un único escano pola circunscrición da Coruña. Os demais partidos ficarían pois fóra do reparto electoral ao non conseguiren sobrepasar a barreira electoral do 5%.

Enquisas diarias

Algunhas cabeceiras atrévense coas enquisas electorais diarias entre o seu público --tamén coñecidas como tracking--. Porén, o nivel de fiabilidade diminúe a respecto dos inquéritos anteriores. Neste senso La Voz de Galicia recoñece que o 38% do electorado segue indeciso e outorga ao Partido Popular tan só un escano máis que os conseguidos nas eleccións de 2009. O PSdeG ficaría con 21 deputad@s e o BNG con 10. Pola contra, AGE conseguiría --segundo o inquérito diario-- grupo parlamentar de seu.  Porén, a recta final da campaña podería mudar aínda as cousas.

Comentarios