A proposta do BNG para o 21-O: soberanismo e xustiza social

O Consello Nacional da fronte ratificou este sábado as listas electorais elaboradas e aprobadas polas asembleas comarcais. O seu programa político cárgase de soberanía e dunha saída xusta á crise. 

Candidaturas BNG

O Consello Nacional da fronte nacionalista ratificaba este sábado as listas electorais provinciais aprobadas polas súas asembleas comarcais. Arroupado pol@s integrantes do máximo órgano entre asembleas, Francisco Jorquera felicitou á militancia do BNG por teren aprobado “por abrumadora maioría”, as persoas que integrarán as candidaturas nacionalistas.

Jorquera, que encabezará a proposta do BNG pola Coruña asegurou que a alternativa que representa o Bloque Nacionalista Galego o 21-0 está composta por “mulleres e homes capaces e comprometid@s con Galiza” e criticou con dureza as verbas pronunciadas polo candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, asegurando que a fronte “non premia a fidelidade” na configuración das candidaturas nin “fai as listas un señor, nunha tarde, nun despacho”. O candidato polo BNG acusou, deste xeito,  ao Partido Popular de ter encabezado a candidatura da Coruña coa que foi até o de agora, conselleira de Traballo nunha realidade económica e laboral das máis nefastas para Galiza.

“Un proxecto de país”

Entre os aplausos da militancia, Jorquera Caselas debullaba algunha das ideas centrais da proposta nacionalista, integrada por un programa, dixo, que procura “defender Galiza como nación e dar pasos firmes cara a soberanía nacional do noso país”. Asemade, defendeu o apoio ao BNG como unha ferramenta para frear a “ofensiva centralista” que se aveciña desde Madrid. Francisco Jorquera salientou a necesidade de aumentar o poder de decisión d@s galeg@s sobre os seus intereses económicos e envestiu os ataques de Núñez Feijóo –quen afirmaba nestes días que o programa d@s nacionalistas non tiña nada a ver coas demandas da sociedade--, emprazando ao presidente en función, a preguntarse se a sociedade galega “está de acordo con que lle neguen o dereito a vivir do seu propio traballo” ou a que os centros de decisión política estean en Bruxelas. “Queiran ou non, Galiza é unha nación”, afirmou con rotundidade o candidato nacionalista.

Cun discurso de marcado ton soberanista, Jorquera denunciou as declaración de Alberto Núñez Feijóo esta semana, nas que aseguraba que “Galiza e Catalunya son España desde fai 500 anos”. Neste senso, o nacionalista aseverou que tal interpelación afirmaba o período histórico da “doma e castración de Galiza” e lembrou ao presidente do executivo galego que aínda “hai unha Galiza indomábel e insubmisa” que non se dobregou en 500 anos de dominación”. Finalmente, o candidato á Xunta polo BNG recuperou as verbas de Castelao e dixo dos membros do Partido Popular “son uns imperialistas fracasados”.

 

Comentarios