As bazas coas que Feijóo encara a súa campaña máis dura

Feijóo encara unha campaña difícil e a enfrontará poñendo toda a carne na grella. Todo indica que lle será moi difícil manter a maioría absoluta que acadou pola mínima, un deputado e con menos votos que a suma entre BNG e PSdeG, en 2009.
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Así o vén de ratificar a enquisa do CIS na que a única forza que incrementaría a súa representación no Parlamento galego é o BNG e no que o 49% d@s consultad@s aposta por un cambio de goberno, como resultado dun suspenso estrepitoso da súa xestión e da de Rajoy en Madrid. Ao cabo, os vindeiros días prométense moi intensos e o discurso e as formas da campaña do PP agravaranse conforme se complexicen as súas expectativas electorais.

Tinta de lura desde os xulgados

Atrás queda unha precampaña que estivo marcada pola irrupción do chamado caso Pokémon, que investiga unha presunta trama de corrupción. Alén dos aspectos xurídicos, onde cada vez son máis as voces que cuestionan o procedemento da xuíza Pilar de Lara --que informacións sinalan estaría vinculada ao PP e ao Opus Dei, a causa ten un innegábel impacto político. Non só pola súa coincidencia coas vésperas duns comicios que se prometen moi apertados, malia que diversas informacións apuntasen que habia elementos suficientes para encetar a operación xa en xullo cando inda non se convocaran, senón sobre todo polas detencións e posteriores imputacións de varios responsábeis políticos.

A maior axuda que lle pode brindar o caso Pokémon a Feijóo é que serva de estímulo da abstención

O caso Pokémon semella reproducir o mesmo esquema co que xa se desenvolvera o caso Campeón, que estourara tamén en vésperas dunhas eleccións --as xerais do pasado novembro, incluíndo detencións a membros dos tres principais partidos, mais cargando con especial dureza contra os da oposición. Neste senso, o único imputado vinculado ao PP, o ex alcalde de Boqueixón Adolfo Gacio, afirmou nunha entrevista que a súa detención respondía á necesidade, política enténdense, de incorporar a algún cargo popular para tentar aminorar as críticas de politización do proceso.

O caso, que ademais conecta coa desafección da política alentada desde o poder para atenazar a resposta social, serviu de ventilador co que esparexer, máis unha vez, a matraca do "todos son iguais" e do descrédito que producen as sospeitas de corrupción. Asemade,a escenificación alargou o efecto político, con operativos policiais tremendamente mediatizados e con decisións difíciles de argumentar desde o punto de vista xurídico, como as detencións e a prolongada privación de liberdade dalgúns imputados ou a entrada nos xulgados dalgúns deles esposados. Aliás, o resultado foi coma noutros casos inverter o peso dos indicios --que non probas-- convertendo a todos os encausados en presuntos culpábeis a ollos do electorado.

Mais por riba do desgaste que puidesen sufrir por mor disto as forzas da oposición, e nomeadamente o PSdeG, a maior axuda que lle pode brindar a causa a Feijóo é que serva de estímulo da abstención, para evitar deste xeito que o maioritario descontento social co balance dos seus tres anos e medio de goberno se converta nunha maioría parlamentar alternativa que o desaloxe de Monte Pío.

Fontes consultadas apuntarían a que a semana que vén, xa en plena campaña, o caso Pokémon volvería á primeira liña de actualidade mesmo con algunha detención de relevo. Ademais, como xa informou Sermos Galiza, desde o verán era vox pópuli que se estaban a preparar dúas operacións xudiciais. A primeira sería “Pokémon”. A segunda estaría por vir e non se descarta que asome antes do 21-O.

Acoso da “prensa amiga” á oposición

Como xa sucedeu en 2009 o papel que xoguen os grandes medios de comunicación terá o seu correlato nos resultados do 21-O. Non é baladí, as e os electores escollen baseándose na información. Neste senso, a cobertura da precampaña e o tratamento do caso Pokémon polos media galegos, nomeadamente as súas principais cabeceiras, indica que novamente o Partido Popular terá un importante aliado nas súas páxinas e nas súas ondas radiofónicas e televisivas.

Especialmente hostil ten sido xa a ofensiva mediática contra o nacionalismo galego

As chaves son coñecidas: invisibilización das alternativas e propostas da oposición, maximización daquelas candidaturas que poidan contribuír a dispersar o voto fronte o PP, e mesmo nalgúns casos a manipulación --como vén de suceder cunha información falsa e non rectificada na que se afirmaba que o BNG apoiara aos imputados do chamado caso "Paneis" en Ourense. Como pano de fondo as cuantiosas achegas económicas da Xunta de Feijóo aos principais grupos de comunicación privados, que nalgún caso superaron os 7 millóns de euros.

Especialmente hostil ten sido xa a ofensiva mediática contra o nacionalismo galego. Desde meses antes á Asemblea de Amio até arestora teñen sido moito máis numerosas as informacións negativas sobre o BNG, poñendo en cuestión a súa liña política, os liderados ou a súa cohesión interna, que as que abordaron as propostas que a fronte nacionalista ten formulado. Este nesgo, que pretendería erosionar a referencia electoral antitética ao PP, dada a súa reiteración non parece casual.

Hai exemplos máis recentes. Por exemplo o feito de que moi poucos medios de comunicación desen conta das manifestacións --convocadas pola CIG contra a política de recortes e que o PP tentou prohibir-- que tiveron lugar esta quinta feira en nove vilas e cidades de Galiza e que se saldaron cun notábel éxito ao lograren mobilizar a máis de 50.000 persoas. Esa invisibilización só quedaría agravada pola cobertura realizada pola TVG que incluíu as mobilizacións dentro da información referida aos actos de inicio de campaña do BNG, cando como é evidente non tiñan a ver.

Vellas prácticas para ir a por todas

A confusión entre goberno e partido non rematou coa retirada de Fraga logo da ser derrotado nas eleccións de 2009. Ao contrario, o feito –inédito na Historia da comunidade autónoma-- de que o Conselleiro de Presidencia, cargo que coordina a acción de todo o Goberno galego, sexa á vez o Director de Campaña electoral, agrava ese solapamento.

Asistiremos a unha campaña electoral sen límites, semella que nin legais

Así o virían a demostrar as 7 resolucións coas que a Xunta Electoral censurou o comportamento d@s populares en apenas un mes. O acto de sinatura dos contratos con Pemex, que a Xunta segue a gardar na gabeta, foi o corolario dos sucesivos incumprimentos da normativa electoral con inauguracións propagandísticas ou campañas institucionais nos medios de comunicación.

Malia que o peso do voto da diáspora, pola obrigatoriedade da inscrición, será moito menor que noutros comicios a xira pola emigración non estivo exenta de polémica. Desta volta, polo feito de que durante os desprazamentos do candidato popular na súa viaxe a Arxentina e Uruguai, os días 15 e 16 de setembro, fixese uso do “Paxariño novo”, un avión privado –turborreactor de dez prazas modelo C90A da marca Beechcraft-- propiedade do adiñeirado empresario José Benito López Carballedo, orixinario de Castroverde, ao que Fraga outorgara a Medalla de Galicia en 2005. López Carballedo preside ademais o Club Español de Bos Aires, unha importante entidade da emigración cuxa sede é un edificio de interese cultural, o que o converte nun dos principais valedores do PP na diáspora.

Ao cabo, asistiremos a unha campaña electoral sen límites, semella que nin legais, na que Feijóo botará man das vellas prácticas para ir a por todas.

Comentarios