Ana Pontón: "Rescatar a democracia en Galiza é defender a soberanía do noso país"

Ana Pontón, foi voceira parlamentar do BNG durante esta lexislatura. Candidata número 2 pola Coruña, asegura que hai que recuperar a democracia en Galiza e reaxir as ofensivas centralistas e neoliberais practicadas polo Partido Popular. Porén, asevera que único xeito de "rescatar a democracia" pasa necesariamente por "defender a soberanía do noso país".
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón


O Parlamento converteuse nesta lexislatura nun territorio vedado para a cidadanía, que opinión lle merece a actitude do PP fronte ás ILP?

O BNG censurou, denunciou e combateu esa actitude que creo, que é a mostra máis evidente de que o PP lle ten medo á opinión do pobo, por iso intentou impedir que a súa voz se escoitase no Parlamento de Galiza. En todo caso, a nós o que nos parece é que pon de manifesto as debilidades que ten o funcionamento do sistema democrático e o que hai que facer é garantirlle á cidadanía o dereito a participar directamente nos asuntos públicos.

Vostedes propoñen mudar a lei para que sexa obrigatorio levalas a debate...

Desde o BNG non defendemos só a modificación da Iniciativa Lexislativa Popular para que sexa máis fácil, máis áxil e se eviten vetos por parte dunha forza maioritaria senón tamén que tamén pulamos pola aprobación dunha lei de consultas populares en Galiza para que aqueles asuntos que sexan chaves para o noso país teñan que contar obrigatoriamente coa opinión do pobo, e que un goberno non poida actuar impunemente ou que non poida levar adiante políticas como as que está a desenvolver neste momento o PP, que vai en contra do seu programa electoral.

Este ano o seu grupo político ergueuse en sesión plenaria para denunciar o veto imposto polo PP nas Xuntas de Portavoces pois impedía que introducisen puntos na orde do día, foi dura esta lexislatura exercer de voceira parlamentar e desenvolver o seu traballo?

Esta lexislatura foi dura para o pobo galego, para as traballadoras e traballadores, para o estudantado, para os dereitos das mulleres... o que nós fixemos nesta lexislatura foi darlle a voz ás reivindicacións e amosar alternativas fronte a estas políticas do PP que van en contra dos dereitos e de Galiza.

Neste senso, vostedes pulan por unha rexeneración democrática e mesmo unha lei de consultas populares..

Neste momento o importante é salvar e a propia democracia pois vivimos un momento moi duro no que vemos o neoliberalismo e o centralismo se están convertendo nun neofascismo que se practicou nesta lexislatura en San Caetano e que habita agora no goberno español. Rescatar a democracia en Galiza é defender a soberanía do noso país, a nosa capacidade para poder decidir e tamén avanzar realmente cara a unha democracia participativa e non meramente representativa como temos neste momento.

A Cámara aprobou este ano dúas normas que retrotraen os dereitos das mulleres e ao tempo o grupo maioritario dixo querer reformar o regulamento da Cámara en aras da igualdade real. Como foi a conduta do PP en materia de igualdade nesta lexislatura?

O PP ataca os dereitos e especialmente os dereitos das mulleres. Vimos como se poñían recursos públicos para financiar asociacións próximas ao Opus Dei, asociacións que cuestionan os dereitos das mulleres e o dereito a decidirmos sobre o noso propio corpo … Este goberno fixo moito fincapé neste discurso, que é un discurso retrógrado, que ataca á dignidade das mulleres e ás bases do propio sistema democrático. Tamén temos outro exemplo claro nas declaracións feitas por un ex-deputado do PP, o señor Bragaña, que pasaron sen pena nin gloria e malia que llo temos exixido en numerosas ocasións, ségueo mantendo como militante do PP. Se unha organización mantén como militante a unha persoa que fai apoloxía do terrorismo machista quere dicir que é tamén cómplice desas ideas e deses pensamentos. É evidente que o PP aspira a unha igualdade formal mais non quere unha igualdade real.

Que propoñen no BNG para rachar con esta tendencia retrógrada?

Hai varias cuestións chave. A primeira, a necesidade xa non de defender os dereitos que xa temos, senón que hai que avanzar por exemplo cara a incorporación das mulleres ao mundo do traballo en igualdade, hai que remover as denominadas políticas de conciliación e encamiñalas cara unha corresponsabilidade do conxunto da sociedade a través da dotación de servizos públicos, traballar tamén no ámbito educativo, na conciencia para a erradicación dos prexuízos. Neste senso, vemos como o Partido Popular aposta por financiar os centros segregacionistas e nós defendemos un ensino igualitario.

Comentarios