O ELECTORADO TOMA A PALABRA

Ana Barxa, estudante: "Hai compañeir@s que tiveron que deixar de estudar por non poder pagar a carreira"

Ana Barxa é allaricense e estuda arquitectura na Coruña. Coñece en primeira persoa as consecuencias das medidas dos gobernos do PP en referencia a bolsas. "Queren un ensino elitista, onde @s fill@s d@s traballador@s non teñan cabida"

O ensino é un dos eidos onde as propostas ideolóxicas de grandes palabras se tornan concretas, con efectos e consecuencias directas sobre as persoas. Ben o saben estudantes como Ana Barxa, allaricense que cursa estudos de Arquitectura na Universidade da Coruña, e que analiza as consecuencias das medidas adoptadas polos gobernos de Xunta e Madrid neste sector.

Os grandes recortes no papel en educación teñen efectos concretos e directos sobre as persoas. Cal é o teu caso?

Son bolseira. No curso que acabou tiña que superar o 65% das materias e nesta o 85% para poder optar a unha bolsa. Para calquera estudante que curse Arquitectura sabe que eses topes son máis que difíciles. É case que imposíbel, de feito. A isto engádese que antes as materias tanto en primeira como en segunda ou sucesivas convocatorias, o prezo era similar; mais iso cambiou tamén, polo que estudar costa cada vez máis.

E todo iso concrétase...

En que, con estes novos parámetros, non sei se vou ter beca.

No estudantado existe preocupación por este tema?

Existe. É un tema do cal se fala, pois toca directamente. Independentente de que haxa ideas distintas, hai unha conciencia xeral de que estas novas medidas nos afectan de maneira negativa.

Responde esta aposta do goberno a un modelo educativo concreto?

Responde. Queren impoñer un modelo elitista de educación para @s ric@s. E non é só unha intención. Teño compañeir@s que xa deixaron de estudar por non poder facer fronte nin pagar o custo da carreira. 

Mais fronte a ese escenario artéllase unha resposta?

A cada vez máis noto que hai compañeir@s que nunca adoptaron medida algunha e que agora están a sair á rúa en mobilizacións e protestas. É un sinal de que se poden cambiar as cousas.

Comentarios