AGE presenta unha web aberta á participación cidadá

O portal da coalición formada por Anova, IU, Espazo ecosocialista e Equo reserva unha lapela onde a cidadanía pode achegar preguntas online ou riscar naquelas cuestións que considera prioritarias para presentar ''logo da chegada ao Parlamento''

A coalición Alternativa galega de esquerda presentou esta segunda feira unha web "centrada na participación cidadá" que leva activada desde a sexta, xornada en que as formacións políticas que concorren ás eleccións do 21 de outubro encetaron a campaña. Conta cun deseño onde as cores que priman son o azul e o vermello --de Anova e IU-- e unha cabeceira animada que vai alternando as facianas de Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras, tamén de IU e Anova --da coalición fan parte tamén Espazo ecosocialista e Equo.

Facendo un percorrido polas lapelas que compoñen o menú do portal, resérvase espazo para explicar como xurdiu esta coalición, o programa de goberno, as candidaturas, novas de imprensa e material multimedia, un calendario --que polo momento non está dispoñíbel-- e, finalmente, un convite á participación onde a cidadanía pode ben dirixir preguntas ou ben riscar naquelas cuestións que considera prioritarias para presentar "logo da chegada ao Parlamento galego".

Parte a coalición de que conseguirán representación na Cámara. Xustamente neste sentido se pronunciou Beiras, quen dixo que os inquéritos están "manipulados desde sempre", e preferiu citar aqueles elaborados "polo PP e polo PSOE" que conceden "entre cinco e seis escanos" a AGE, que aqueloutros publicados por diferentes medios de comunicación que limitan a presencia de IU e Anova a un só escano.

''Facemos o que dicimos''
Segundo explicaron en conferencia de prensa Antón Sánchez, concelleiro en Bergondo, e César Santiso, concelleiro na Coruña, a intencionalidade da páxina vai ligada aos obxectivos da propia coalición: "rexeneraremos a política, incrementaremos a participación cidadá e a transparencia, porque temos que actuar diante do descrédito das institucións e dos políticos", sinalou Sánchez.

Pola súa banda, Santiso acrecentou que a web vai "en consonancia co noso programa", asegurando que "a diferencia doutros partidos nós facemos o que dicimos". Referiuse o edil coruñés de IU á achega que fan dunha Lei de transparencia que permita á cidadanía "controlar a acción de goberno e da actividade institucional". No fondo do portal quen o desexe pode recibir por RSS as últimas novidades da campaña electoral desenvolvida, por separado, por Anova e Izquierda unida.

Comentarios