AGE entra na Cámara con nove deputad@s

A ruptura do nacionalismo galego, deu folgos a unha Esquerda Unida que entra no Parlamento, após dúas décadas sen representación. A coalición electoral AGE consegue nove escanos e convértese na terceira forza polítca galega.
Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz
photo_camera Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz

Pasadas as dez da noite, as dúas facianas da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) aparecían no hotel Congreso (Teo) para valorar os resultados electorais, a pouco de rematar o escrutinio. Malia que chegaron por separado, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, quixeron aparecer xuntos perante a súa militancia, entre a que se atopaban caras coñecidas de Esquerda Unida mais onde salientaba a ausencia de boa parte das bases doutras formacións como a Fronte Popular Galega.

Os nove escanos conseguidos pola coalición electoral –que concorría por vez primeira ás eleccións nacionais-- sentíanse no ambiente, malia que o avance imparábel do Partido Popular –que conseguía máis unha vez revalidar a maioría absoluta-- pesaba en moitas das persoas que se congregaron no acto central de AGE.

A coalición electoral en que confluíron Esquerda Unida, Anova-Irmandade Nacionalista, Equo e Espazo ecosocialista galego, entra finalmente no Parlamento e convértese na terceira foza, un dos eixos centrais de ambos os dous relatores. Salientou a importante presenza masculina entre as persoas que acompañaban os candidatos, entre os que só se atopaba unha muller, Yolanda Díaz. Ela foi a primeira en valorar os resultados electorais, quen xa encabezara a listaxe electoral de EU nos anteriores comicios sen obter finalmente representación parlamentar. Nesta ocasión, e coa axuda dunha das figuras máis coñecidas do panorama político galego, Díaz ocupará un escano na Cámara, dixo, para “defender as maiorías sociais”. Malia comezar cun “bo día” que foi respostado con gargalladas e aplausos por parte da militancia que logo corrixiron cun áxil “boa noite”, a candidata asegurou que após coñecérense os resultados electorais “nada será igual en Galiza, no Estado español nin en Europa”.

Yolanda Díaz, parabenizou as “mulleres e homes” que apoiaron a Alternativa galega durante a campaña e nas urnas con cuxo apoio, asegurou, “imos conseguir paralos”. Así as cousas, Díaz afirmou sentir “certa tristura” pola vitoria do Partido Popular, que finalmente aumentou a súa representación até os 41 escanos, porén dixo que malia “os protocolos pre-estabelecidos” nin felicitaría a Feijóo pola vitoria, rematando cun “saúde e república” que espertou vibrantes aplausos entre @s asistentes. Deste xeito, Yolanda Díaz, daba paso ao principal protagonista da noite, a persoa máis agardada, Xosé Manuel Beiras. O candidato número un pola Coruña apelou ás verbas do nacionalista Alfonso D. Rodríguez Castelao e ao seu Alba de Gloria para se referir aos resultados obtidos pola AGE que conseguiron, dixo, “activar, ilusionar e acentuar o proceso de rebelión cívica que está en marcha”.

Beiras aproveitou a ocasión para bater contra PsdeG e BNG, dos que dixo “non obtiveron o apoio do electorado por non seren realmente unha oposición”, ao tempo que aseguraba que boa parte dos votos captados pola Alternativa se debían precisamente aos “continxentes da esquerda deste país”. Xosé Manuel Beiras afirmaba así mesmo que os resultados obtidos nas eleccións permitían a entrada no Parlamento “do auténtico nacionalismo e da esquerda social” apelando aos dous bloques principais que compoñen AGE. Aliás asegurou que coa entrada da Alternativa na Cámara “comezará a florecer a derrota do PP”.

Cun ton máis trunfalista que Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras amosou a coalición como “o auténtico motor da revitalización” do Parlamento e mesmo interpelou ao que será a partir de mañá o presidente re-elixito de Galiza aseverando “se Feijóo pensa que por ter maioría vai ter cidadáns máis mansos que as vacas, está equivocado”, algo que fixo espertar @s presentes ao berro de “Hai que paralos!”, lema empregado por AGE durante a campaña.

Finalmente, o que volverá ser deputado após anos once anos fóra da primeira liña política, exhortou a cidadanía galega para “traballar e loitar todos os días xuntos” no que dixo, “xa é un novo ciclo político para este país”.

Comentarios