AGE carga contra a “falsa imaxe de bo xestor” de Feijóo

O candidato número tres por A Coruña, Antón Sánchez, afirmou nun mitin en Oleiros que o actual goberno galego “nos endebedou a cambio de nada”. Yolanda Díaz volveu asegurar que Galiza será a vindeira comunidade en solicitar o rescate.


Oleiros foi a última parada na campaña da Alternativa Galega de Esquerda. No concello coruñés realizaron un mitin que contou coas intervencións de Yolanda Díaz e Antón Sánchez, números dous e tres respectivamente da candidatura pola Coruña da coalición entre EU e Anova.

Sánchez, quen reivindicou o discurso da concreción --"non falamos de abstraccións" dixo--, denunciou que segundo el o Partido Popular “goberna en contra da cidadanía”. Nunha liña de dura crítica contra da xestión da Xunta de Feijóo, a quen cualificou de “peor presidente da historia”, sinalou que “duplicaron o número de parados e a débeda”.

A respecto da débeda a crítica quedou corta, xa que nesta lexislatura multiplicouse por tres igualando a débeda xerada por todos os gobernos autonómicos anteriores. Porén, a denuncia do candidato de AGE non se cinguiu ao factor cuantitativo. “Endebedounos a todos a cambio de nada” dixo en referencia aos recortes que caracterizaron estes tres anos e medio.

Pola súa banda, Yolanda Díaz centrou a súa intervención en desmontar a “falsa imaxe de bo xestor” de Núñez Feijóo. “Todos os datos oficiais sinalan que Galicia é a comunidade máis endebedada do Estado e que será a seguinte en pedir o rescate” aseverou.

Comentarios