AGE aspira a “dar representación política á loita democrática, pois os mercados xa están representados no Parlamento Galego”. Así o afirmou Yolanda Díaz, na súa intervención no mitin que a coalición ofreceu en Vilagarcía de Arousa. Díaz fixo tamén unha petición á participación masiva o próximo 21 de outubro “para que non decidan por nós”.
No acto tamén interveu, entre outros, o candidato Juan Fajardo. Fajardo criticou que Feijóo “leva unha candidatura para defender os intereses do 1% que ten o 80% do país” e denunciou que as SICAV --sociedades de investimento-- incrementaron nun 50% os seus beneficios.
O mitin pechouno Xosé Manuel Beiras, quen se amosou convencido de que “é posíbel dar a volta a situación”. Beiras cargou contra o que cualificou “táctica do medo” que segundo el non funcionará por mor de que existe “unha marea de esperanza”. O candidato de AGE resumiu a xestión do Partido Popular cun só termo: “espolio”.
Aliás, Beiras manifestouse contrario á “mercantilización do electorado”.“A día de hoxe a política entendese como mercadotecnia, non se dá espazo para unha verdadeira construción da expresión social, iso ten que cambiar” dixo.