A xustiza aparece de novo na campaña ao executar unha sentenza contra Mario Conde doce anos despois

A xustiza volve aparecer nas eleccións da Xunta neste caso executando a sentenza de hai doce anos, segundo a cal lle embarga cinco fincas a Mario Conde polo caso Banesto. O candidato á Xunta por Sociedad Civil y Democracia emitiu un comunicado en que sinala a intencionalidade política da decisión xudicial e deixa ver que se debe aos datos que apuntan que o PP perdería a maioría absoluta parlamentar.

A través dun longo comunicado, Mario Conde sitúa con claridade o PP de Feijóo detrás da decisión xudicial de facer pública a execución dunha sentenza contra el emitida hai doce anos. “Queren distraer a atención. Cren que os galegos son tontos, e é un dos pobos máis intelixentes do mundo” afirma Mario Conde despois de dicir que a intención é ocultar “que Feijóo o candidato do PP falseou as contas de Xunta (escribe Junta) para presumir de que Galiza era solvente”.

“Dixen que os xuíces son terminais da política en demasiadas ocasións” sinala o ex-banqueiro, xusto antes de se referir a que a noticia se fai públcila cando as “as enquisas manexadas o día en que isto comeza, nós temos representación parlamentar e o PP perde a maioría absoluta”.

O 12 de maio e o 1 de outubro a sección primeira da Sala do Penal decidiu executar a sentenza e é agora, en plena campaña electoral, cando se fai público o embargo de cinco fincas co fin de pagar 43 millóns que o ex-banqueiro e agora candidato debe polo caso Banesto. Mario Conde apurouse a contestar a información cun longo comunicado en que afirma que non hai ningunha novidade xurídica no caso e só se fai público por ser el candidato á Xunta de Galiza.

Mario Conde defende que a xustiza está a beneficiar o PP nas eleccións galegas, sendo utilizadas contra candidaturas que lle poden poñer pedras contra o seu obxectivo de obter maioría absoluta. 

Comentarios